Opinión

Pequenas achegas municipais cun grande impacto no Sur

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que neste 2017 cumpriu dúas décadas de andaina, é un gran proxecto no que todos os concellos e deputacións deberían colaborar. O ano pasado, en Mozambique, tiven a oportunidade comprobar en primeira persoa como con moi pouco se pode facer moito, como hai moita xente que precisa de apoio e non só económico, senón tamén formativo, de optimización dos recursos, de concienciación... Ademais, puiden sentir o agradecida que están esas persoas co pouco que nós lles aportamos.

Encantoume ver, de primeira man, como na Fundação Encontro xestionaron a creación dun grupo de mulleres voluntarias que levaron acabo unha campaña de sensibilización que permitiu  incrementar as consultas pre e post parto, grazas ao financiamento do Fondo Galego de Cooperación. Alí, as miñas compañeiras concelleiras e mais eu, puidemos falar coas  activistas que ían porta por porta en cada aldea para concienciar ás nais da importancia de levar un control médico. Aquí pode parecernos do máis normal, pero alí non é o frecuente.

O obxectivo do novo proxecto no que está a colaborar o Fondo Galego coa Fundação Encontro é o de reducir os factores de risco que poden levar á xente nova a contraer adiccións, doenzas ou embarazos precoces, tendo o deporte como ferramenta para conseguilo. Crearanse equipos de fútbol e atletismo nos que se incentivará a participación e liderado das rapazas, favorecendo deste xeito a equidade de xénero. Así mesmo, formarase en educación para a saúde a un novo grupo de activistas que promoverán hábitos de vida saudables, co fin de diminuír a vulnerabilidade fronte o consumo de drogas e alcol, enfermidades cardiovasculares, sida, abandono familiar, desemprego, baixa autoestima, etc. A isto hai que sumarlle o apoio do persoal voluntario dos concellos e deputacións socias do Fondo Galego, que pasan unhas Vacacións con Traballo sobre o terreo achegando os seus saberes a todas estas persoas, que reciben a colaboración coas mans abertas.

Síntome realmente satisfeita de comprobar que, con unha pequena achega que fagamos desde os municipios ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, serve para poñer en marcha estes modestos proxectos que contribúen a mellorar a vida de moitas persoas. Porque, que nos supón a os concellos  aportar anualmente 300€, 600€, 1.000€ ou 2.000€, en función da nosa poboación, cando manexamos orzamentos de millóns de euros? E que lle pode supoñer a unha Deputación? Que, por certo, só hai unha que non é socia.

Non sei se eu son a persoa máis indicada para falar disto, xa que para min o feito de ser a representante do concello de San Sadurniño no Fondo Galego supuxo un gran cambio, tanto  a nivel persoal como político. Comecei a ter unha visión moito máis ampla do que está a acontecer no mundo e, sobre todo, nos países do Sur; comecei a ver que hai moitas cousas que consideramos imprescindibles e ao final resultan superfluas; decateime de que temos que mirar máis polo medio ambiente, polas persoas que temos preto, por coidar dos nosos recursos; decateime tamén do moito que temos que aprender da xente que ten menos ca nós; decateime de que temos que ser máis xenerosas; decateime de que moito hai que traballar na igualdade,  tanto de xénero coma entre estratos sociais; decateime de que o que para nós é pouquiño, para outros é moitísimo... Decateime de que con un pouco de todas e todos, podemos facer un moito para moitas e moitos!

Comentarios