Opinión

A nosa música no mundo

Vivimos tempos escuros para a cultura, non vos conto nada novo, mais cando pensamos na nosa cultura pensamos na xente que nos rodea, nos veciños e veciñas músicas, en actores, escritoras, artesáns e infinidade de profesións que nos tocan ben de preto. Cústanos pensar en mais aló das nosas fronteiras, e é que moitas veces falamos dos nosos irmáns e irmás da Arxentina, de Venezuela, da Suíza e tantos outros lugares que están cheos de galegas e galegos. Eles tamén fan cultura, tamén fan a nosa cultura. É máis, son grandes exportadores non só da nosa cultura, senón que parte da economía que exportamos é grazas a eles e elas. 

Este artigo nace das conversas mantidas con Matías da Roda, Noemí de A Irmandade, Carolina de Abellaneda e Carla de Arantel. Os primeiros de dous centros galegos da Suíza e as dúas restantes de dous da Arxentina. Tamén a Pablo, unha das pontes vivas máis importantes entre Suíza e Galicia, e Pichi, un dos grandes mestres de música e baile tradicional da nosa terra que tantos destes centros galegos ten percorrido polo mundo.

Desta conversa quedo con moito en limpo e tamén con moitas preguntas. Unha das cousas que me queda clara é o amor absoluto e ilimitado que senten pola nosa terra e a nosa música. Non hai océanos que deteñan as súas ganas de bailar, tocar a gaita ou a pandeireta. Tamén saco en limpo a morriña e o sentimento de desconexión que senten moitas veces por parte das institucións galegas, senten que os programas que hai de promoción da cultura son escasos e mellorables. Nestes centros culturais, moitos son segundas ou terceiras xeracións, noutros coméntanme que ata hai quintas xeracións, pola contra tamén hai casos nunca pisaron Galicia. Atrévense a dicir que lles gustaría actuar en Galicia incluso asumindo todos os gastos, ata algúns comentan que xa o teñen feito así. Pero que non topan conexións, nin xestores culturais que os contemplen. Séntense marxinados na que senten como a súa terra da alma. 

A modo de curiosidade comentan que alí copian moito aos grupos de aquí, que antes non tiñan os medios, pero coas novas tecnoloxías teñen vídeos nosos e discos. Cústalles atopar recollidas e material, polo que todo o que encontran nas redes xa sexa vídeo ou audio gárdano como ouro en pano. Tamén comentan que os poucos mestres que van polo programa Galicia Aberta teñen métodos moi dispares ou ata ideas contrarias da tradición. Reclaman que se actualicen as listas que levan pechadas dende o 2015 pola Xunta e que a selección do profesorado sexa un pouco máis obxectiva. 

Algo moi positivo co que me quedo é coa súa idiosincrasia. Alá, se fan baile ou tocan, son irmáns de sentimentos, da igual o grupo ao que pertenzan, ogallá aquí reinase ese mesmo sentimento. Esa idea que me trae ao pensamento momentos vividos en Santa Ferreña ou algunhas outras festas nas que o sentimento de comunidade é absoluto. 

Este ano tócanos Ano Xacobeo e a verdade que aínda non temos moi clara cal vai ser o investimento en cultura por parte da Xunta, ogallá pensen de forma máis equitativa e xusta a repartición do presuposto e ogallá chegue un día no que poidamos ver cumprido o soño destes galegos e galegas na diáspora que é poder vir a actuar á súa terra pola que tanto fan e tanto devecen.

Polo tanto, como petición dun simple gaiteiro. Teñamos máis en conta aos noso irmáns e irmás emigrados. Compatriotas que por desgraza cada día aumentan pola situación económica que estamos a vivir. Mírannos con cobiza por estar e ser capaces de sobrevivir na nosa terra. Ogallá melloren as cousas e o día de mañá poidamos facer esa gran foliada internacional. 

Comentarios