Opinión

A gaita, historia dunha alma roubada

A nosa irmandade con países veciños é algo evidente, as culturas non entenden de fronteiras. Mais a historia debemos estudala con tento e sen caer en fantasías. Son moitas as persoas que hoxe en día publican libros, discos e material vario sobre as relacións da gaita e a música celta, pero ata que punto é bo caer nestas fantasías?

A principios do século XIX fórxase en Francia a teoría panceltista que se irá espallando polo oeste de Europa. So fai falla mencionar a palabra celta para pensar en Irlanda, Escocia, Bretaña, Gales, Galicia, Asturias, e finalmente os mais coñecedores engadirán Cornualles e Illa de Man. Xa houbo quen viu na cultura castrexa indicios da presenza celta en territorio Galaico, temos castros en Baroña, Castromao, Cervantes... Mais polo que sabemos era un povo guerreiro do que conservamos escasas manifestacións artísticas, unicamente a orfebrería. Era un pobo que non coñecía a escrita, polo tanto o que sabemos deles é polos restos que deixaron e por textos dos romanos. Ata o día de hoxe, non hai un so resto nin en Galicia nin no resto de asentamentos celtas no que se atopara algún elemento con potencialidade de ser considerado musical e moito menos algunha gaita ou pandeireta.

Murgía, autor célebre da nosa terra, será un dos que fundamentará a teoría do celtismo en Galicia, e aproveitando ese barco botado á mar, serán moitas as persoas que se suban a el e acollan esa teoría ao ámbito musical. É por esta razón que cando pensamos na gaita inmediatamente se nos vai a mente cara a eses lugares anteriormente mencionados, pero as que levamos uns anos neste mundo sabemos que hai gaitas de fol en Aragón, Italia, Alemaña, Grecia, Bulgaria... Tamén por outra banda sabemos que as tribos celtas tiveron asentamentos polo centro e leste de Europa, nacións que a día de hoxe non etiquetamos como celtas nin catalogamos a súa música como tal.

Son moitas as teorías sobre a orixe da gaita, mais a maioría das persoas estudosas coinciden que ten a súa orixe na Idade Media, e son moitas as testemuñas iconográficas que temos desa época espalladas por toda Europa, e en gran medida non difire moito do que temos agora mesmo, salvando innovacións técnicas acadas sobre todo nestas dúas últimas décadas. Non é este o lugar para indagar en aspectos técnico-musicais complexos, mais si facer un pequeno apunte sobre a relación entre a gaita de fol como instrumento con bordón cun rexistro semellante ao da voz humana pero nunha octava mais aguda. É esta a época da monodia e dos primeiros organa primitivos, cos que podemos atopar a relación co ronco, onde a gaita encaixa á perfección co gusto musical da época e fará que se espalle rapidamente. A historia da gaita terá épocas douradas e tamén tempos escuros. Venceu moitas guerras: Os Séculos Escuros, a chegada da radio, a Guerra Civil e a posguerra... foron moitos e sobre todo moitas as que, probablemente sen darlle a importancia que merece, as que conservaron a nosa cultura, a mesma que hoxe tanto loitamos por gravar e recompilar para que non caia no esquecemento.

Tampouco é que nos atopemos musicalmente falando moitas irmandades con Irlanda e Escocia, ou alomenos non tantas como podemos ter coas xotas e agarrados da gaita de Boto. E é que non precisamos de teorías fantásticas no imaxinario dalgún para dignificar a nosa tradición. Unha gaita que xa é mais que digna de por si, que non necesita de fantasías nin de repertorio alleo, porque temos un propio que en moitos casos, estes gaiteiros internacionais que nos poden vir á mente rexeitan. Non precisamos reels ou gigs para subirnos a un grande escenario podendo tocar repertorio tan virtuoso como o de Desideiro ou Poso, ou con tanto gusto como Os Campaneiros ou Os Morenos. Dende a AGG cremos firmemente que temos unha gaita que non precisa de máis etiquetas que a de galega, dun instrumento que ten moita relación con outros de preto e de lonxe, pero que sempre serviu para emocionar alá onde soe. Cun repertorio inmenso e pouco valorado. Sempre que queiramos tocar cousas foráneas, benvidas sexan as mesturas e compartir con outras culturas, pero comecemos valorando primeiro o noso.

Comentarios