Opinión

A trabe de alúmina do castro de Morás

Saíu de esguello tres veces xa neste diario. Comba Campoi representou para nós a loita contra a nuclear de Xove. Xurxo Souto cantou o laio pola balsa de lodos encarnados. O Colectivo Xea guiounos pola senda litoral. Excelentes testemuñas, como a de Benigno Rei, mestre oleiro de Riocabo, quen encetou para min este coñecemento. Recuncarei na zona, en concreto no castro de Morás e Portocelo, tamén nomeado Coto da Vela, porque é sen dúbida un dos sitios arqueolóxicos da idade do ferro máis impresionantes da costa galega.

“Bo, haiche moitos destes” —dirán os ignorantes. Non hai tantos. Temos Baroña, Donón, o Trega, o Neixón, Montealegre, Espasante, Fazouro, a Cabeciña de Mougás, Castromiñán, os Pericos de Aguiño, Tambo, A Lanzada, Udra, As Grovas de Vilaselán, Ons, Cíes, Estaca de Bares!... e máis. Parecen abondosos, porque o hábitat galego tamén foi disperso na prehistoria. É de certo unha riqueza inxente, pero non infinda. Porque... que foi do castro do Cociñadoiro? Levouno o vento do Prestige.

Que este noso castro de Morás teña pasado case totalmente desapercibido sería bastante inexplicábel se non fose polo miserento desleixo no que vive o patrimonio cultural do país. Sofren desleixo incluso os bens arqueolóxicos mellor coñecidos, os máis escavados, aqueles que teñen enorme valor social e turístico. Moito peor os que viven no abandono, a inmensa maioría.

O Coto da Vela é un castro abraiante pola súa localización, pendurado dos cantís entre a Punta de Morás e a Roncadoira, dominando o Ansarón. O Trega do Nordés? O Dún Aonghasa do Mediodía? Mais tamén impresionan as estruturas en superficie, os socalcos que agora percibimos grazas ao láser aéreo. Procuren na Galipedia para entendelo.

É un tesouro, pero un tesouro perigoso. Por iso está agochado polas árbores con forma de misto. Non interesa que dende a súa croa albisquemos a inmensa e agoirenta balsa encarnada, burla negra para a parroquia de Lago de fermoso nome. Baixo dos castros sempre hai unha trabe de ouro e outra de chapapote. As arqueólogas fomos ben avisadas polas nosas maiores: se escavas e tocas a de alcatrán, rebentarán sete parroquias. Baixo de Morás temos unha nova variante folclórica, a trabe de alúmina, tesouro e mal a un tempo, con risco certo para as vidas.

Aluminium Corporation of America non soamente deu emprego e beneficios. Agora os ladróns tratan de fuxir deixando atrás o lado escuro: levan o ouro e quede para nós a lagoa da infamia. Sucedeu en Belmonte d’Astúries, nas Encrobas, nas Pontes, no sagro monte Neme. Case sucede en Corcoesto. Algún día interviremos naquel patrimonio, quizais limpemos de eucaliptos o Coto da Vela, entendamos o valor enorme que se agocha nel. Pero hai algo que nunca poderemos restaurar: a punta de Morás, visión alucinante, para ben e para mal, foi desfeita por intereses alleos, polos políticos e pola sociedade que llo consentiu. Paisaxe que doe, pero hai que vela. Deixaron aquilo enchido de xeometrías variábeis e pretenden vender as rochas dinamitadas como “acantilados de papel”, origami de artes plásticas. Coma pretender que os encoros da Ribeira Sacra sexan patrimonio da humanidade: primeiro racho con todo e despois disimulo. O que sucedeu na Punta de Morás foi un crime de tal dimensión contra a natureza, e tan silente, que só se explica por malvivir a Galicia nun mesmo réxime sociopolítico e ¿cultural? dende hai 84 anos.

Somos inocentes? Agora coa enfermidade e as sete pragas a comarca sofre as penas de remexer nas trabes máis do debido. A derradeira foi cando lle escavaron ao pé do castro o recente camiño da costa (sen control arqueolóxico?!) amolando os probiños dos mouros guineanos que tamén remexen escravos na bauxita, na mourama, baixo terra.

É tempo chegado de recuperar o castro e a punta de Morás, os recursos naturais, culturais, económicos, industriais... de que a sociedade galega actúe, tamén politicamente. As feridas na terra serán a triste lembranza dos nosos erros. Pero, como diría o outro, a Mariña é ben fermosa, haivos esperanza, temos futuro!

Comentarios