sábado 27/11/21

Carencias II

Hai sete anos escribín un artigo para Sermos Galiza que titulei Carencias I. Nel contaba, en esencia, que de pequena non comía case nada: ollos de sardiña, ponches de leite con ovo e unha cereixa ou dúas. Acababa aclarando que daquela, polo menos no 2013, comía de todo.

No 2017, logo de mudarme a outro país e xa cun fillo da man, comecei a escribir Mamá pelicano, un libro sobre unha infancia carencial que levaba na mente tempo e tempo e que necesitou mil quilómetros de distancia, non só física, para materializarse. Dous anos despois, cunha segunda filla aínda na barriga, gañou a XIX edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. E a finais deste ano, Miguel Anxo Fernán-Vello mediante, verá á luz en Espiral Maior.

O pelicano, esa ave de longo peteiro e gran saco gular, é un símbolo do amor maternal. Hai lendas que contan como a femia, cando non dispón doutro alimento, se abre a si mesma co bico para ofrecérselle ás crías. Na cristiandade simbolizou a Paixón de Cristo.

Desde Mamá pelicano eu tamén lles ofrezo aos lectores a posibilidade de entraren nunha casa e observar, de metérense na fenda que aparece cando escacha un prato de Duralex, de desacougárense ou de quedaren impasíbeis. É un libro cruel e tenro, coma a nenez de calquera.

Nestes días falei cun amigo que me dixo que o poemario lle pareceu un exercicio de kintsugi moi especial. O kintsugi é unha técnica centenaria de orixe xaponesa que serve para arranxar fracturas da cerámica cun verniz mesturado con po de ouro. Amosa que as roturas e as reparacións forman parte da historia dun obxecto e deben aceptarse, mostrarse. Dáse o caso de que antigas pezas reparadas mediante este método sexan máis valoradas ca outras que nunca romperon. O proceso de secado é un factor determinante. A resina tarda semanas en endurecerse e isto é o que garante a súa cohesión e durabilidade.

A xornalista Montse Dopico, nunha entrevista para Praza, preguntoume que era a ferida no libro e eu respondín que aquilo co que, xustamente, non sabemos que podemos facer e que nunca poderemos aliviar, a fenda da que nacemos e que nos permite, algún día, que nos xurda unha voz, aínda que a vida poida continuar sen a poética. Podería falarlle do kintsugi, a verdade, mais nese momento non me veu á cabeza.

Tamén está presente a familia, claro, a que funda as casas, esa institución que resistiu guerras, crises, sae reforzada nas pandemias e encerra unha violencia que vai deixando sinais.

Pouco antes de empezar a escribir Mamá pelicano fixen un texto para a homenaxe ao poeta Francisco Cortegoso en Pontevedra. O segundo parágrafo dicía: “O Fran era marabilloso. Adoraba a vida e desfrutábaa cada minuto. Encontraba beleza onde os demais nin reparabamos. El era a beleza. No brazo dereito tiña unha cicatriz con forma de insecto coleóptero ao que incluso se lle podían ver as patiñas e as antenas. Seica a fixera de neno por rubir a unha ameixeira brava. Caeu e quedoulle espetada unha póla entre o cóbado e o pulso e ao arrincarlla e coserlle a ferida a marca converteuse nese pequeno animal invertebrado. Acaricieille a cicatriz o derradeiro día que nos vimos mentres recordabamos que esta historia do escambrón fora a primeira que me contara”.

E Mamá pelicano é para el, porque é necesario revalorizar a beleza das cicatrices.

Mordeume o Xoán de Cazón.

A mestra sentouno nun banco,

pediume que fixese o mesmo

e el estendeume a man,

os dedos separados,

as uñas sucias;

non puiden trabar nela

e iso que imaxinei

o fácil que vos é esfolar coellos,

só un tallo na pel,

ou como tirades pratos

deixando tamén a marca.

Querería fincarlle os dentes

con esa precisa facilidade

e pensei nunha corola aberta,

cinco pétalos brancos,

mais nin así.

No odio.

Na flor da cerdeira.

(De Mamá pelicano)

Carencias II
comentarios