Opinión

A música e o baile tradicional na escola. Algúns argumentos desde a pedagoxía

En non poucas ocasións tiven o gusto de conversar con persoas educadoras, e tamén alleas ao eido pedagóxico, da potencialidade que tería traballar a música e baile tradicional nas aulas. Nestes faladoiros téñense posto enriba da mesa argumentos tanto a favor como en contra, os cales me teñen levado a sustentar algunhas das cuestións que pasarei a expoñer a continuación.

En primeiro termo, empezarei por unha das premisas que adoita saír cando se tratan estes temas, a cuestión da identidade. Non é un concepto sinxelo de traballar, e tampouco debemos caer na parcialidade. Identificarse cun espazo, cun colectivo, cun tempo, cunha historia, cun futuro... é sentirse parte dun todo. No momento en que asumimos algo como propio é cando queremos conservalo ou mudalo. Por iso, se facemos que as nosa mocidade poida ter a oportunidade de sentirse parte dun grupo cultural a partir do coñecemento daquilo que é compartido, a súa existencia terá máis sentido.

A comprensión do contido das cantigas, da expresión do baile, da sonoridade ou dos estilos musicais é a mesma historia do pobo galego

Este feito de querer, respectar, e incluso amar o patrimonio propio implica entender os valores que impregnan o noso grupo social, é dicir, leva a poder comprender porque somos como somos e porqué vivimos como vivimos. Deste xeito, estamos propiciando a tan demandada participación cívica, a cal non se dará se o civis é alleo á persoa, se non hai conexión entre quen son o onde me crío. Esa participación non só se traduce en votar, que é como nas democracias máis pobres se entende. Implicarse no grupo social require defender, preservar, manter, coidar, demandar, promover, mudar... todo aquilo que é de interese común e que redunda no benestar.

O baile e a música tradicional son patrimonio de todos e todas. Ten chegado ata os nosos días a través de xeracións que aprenden, suman, reproducen e vivencian ese legado. A comprensión destes procesos e do propio contido das cantigas, da expresión do baile, da sonoridade ou dos estilos musicais é a mesma historia do pobo galego.

Asemade, cabe sinalar que o mantemento dunha identidade étnico-cultural sólida, con raigame do propio, fai que as relacións interculturais se produzan con maior empatía. Isto é así dado que se comprendemos mellor a construción da nosa cultura a partir da música e do baile tradicional, podemos chegar a interiorizar que en lugares máis ou menos afastados puideran desenvolver un proceso semellante adaptado as súas particularidades (medio, relixión, historia, situación...). Ao fin e ao cabo, os seres humanos non diferimos tanto no que á creación artística se refire, e este suposto pode ser a base dunha nova relación entre pobos que se basee no recoñecemento das diferenzas como punto de converxencia.

O baile e a música tradicional son unha ferramenta pedagóxica para desenvolver nas nosas crianzas un sentimento de pertenza colectiva que as fará máis libres e críticas

Por último, e en relación ao currículo, o baile e a música teñen numerosos beneficios no desenvolvemento de competencias persoais. Tan só citarei algunhas da longa lista que se pode derivar. O primeiro ten que ver coa aprendizaxe de linguas. O feito de poder cantar, recitar, contar... con diferentes xeitos de pronunciar ábrenos a vía para unha colocación fonética moito máis ampla. Tamén cabe sinalar os beneficios do baile tradicional, e non só os físicos, senón tamén os que atenden á idea de equipa, á situación espacial, á improvisación e á creatividade. Existen tamén moitos beneficios psicomotrices derivados da práctica do baile e a música tradicional, promovendo maior precisión na execución de movementos, o cal logo se pode facer extensible a outros eidos. E se nos metemos na aprendizaxe dos valores, ou da historia, daríanos para un libro, dado que partir do patrimonio para repensar os nosos quefaceres é un recurso didáctico de primeira índole.

En definitiva, os centros poden apostar máis por proxectos que conecten coas  tradicións sen ningún tipo de reparo epistémico. O baile e a música tradicional galegas son unha ferramenta pedagóxica que pode ser utilizada a nivel académico e extracurricular para lograr aprendizaxes útiles para a vida e para desenvolver nas nosas crianzas un sentimento de orgullo e pertenza colectiva que as fará máis libres e críticas na súa relación co alleo.  Avoguemos pois por esa "pedagoxía da tradición".

Comentarios