Opinión

Estudantes nacionalistas, cara á súa unión

"Foi tamén o nacionalismo, a través de ERGA, o que no ano 83, nun contexto de certo desencanto e desestruturación do movemento estudantil

"Foi tamén o nacionalismo, a través de ERGA, o que no ano 83, nun contexto de certo desencanto e desestruturación do movemento estudantil debido á frustración do proceso de ruptura democrática, impulsou a creación dos Comités Abertos de Facultade, plataformas plurais a nivel de centro que significaron un punto de inflexión no Movemento Estudantil Galego reactivándoo e logrando a confluencia do estudantado contra a Lei de Reforma Universitaria do PSOE.”

Este texto, parte do aprobado na Asemblea Constituínte dos Comités, é un claro exemplo de como, na Galiza, o nacionalismo foi sempre o movemento ideolóxico, social e cultural que loitou polos intereses do noso pobo. De quixer escribir na linguaxe de moda, diría que o nacionalismo era, e é, cidadán e “rupturista” e estaría a darlle a esas palabras mellor uso que a incoherencia coa que se utilizan hoxe en día. 

Mais o que me leva a escribir este artigo non é o mal uso intencionado que fai esta “nova política” da linguaxe, senón a necesidade de que o nacionalismo estea en tódolos ámbitos imaxinables e, deixádeme ser ousado, con maior necesidade e intensidade no estudantil, tendo en conta que o conxunto da sociedade recibe gran parte da súa formación profesional e persoal no ensino obrigatorio e este está sendo atacado continuamente, privatizándoo e españolizándoo.

Mentres unha soa persoa teña que abandonar a Universidade por falta de recursos, mentres non poidamos acceder a un ensino que garanta as nosas competencias lingüísticas, mentres non poidamos acceder a unha Universidade que fale galego, mentres a nosa historia non sexa estudada no ensino obrigatorio, mentres saiamos da secundaría sen oír falar do patriarcado, do imperialismo e de tantos problemas actuais, mentres se fale do Quijote e non do Sempre en Galiza, mentres non se coñeza a Manuel María, a Xela Arias ou a Pascual Veiga, mentres tantas outras cousas... Estou seguro de que o estudantado galego se organizará, loitará e algún día vencerá.

O españolismo, sabedor de que somos o único perigo real para o imperialismo capitalista, busca novas formas de atacar. Disfrázase a través de discursos vacuos

Volvendo ao comezo do artigo. vemos como foi o nacionalismo o único capaz de unir o estudantado e organizar as súas loitas, o único en conseguir mobilizar por si só a meirande parte das estudantes e o único capaz de ter unha base que fose quen de, grazas á calidade das súas conviccións, plantarlle cara ás constantes reformas do ensino. 

Mais agora o escenario mudou. Estamos noutro momento. O españolismo, sabedor de que somos o único perigo real para o imperialismo capitalista, busca novas formas de atacar. Disfrázase a través de discursos vacuos (nos que chegan a dicir como argumento que son “a xente normal”, e entón que son eu? anormal?) que rematan no mesmo de sempre, a cuestión nacional non é relevante nin importante para os problemas da xente. E isto vese reflectido, como é lóxico, no movemento estudantil, que nos últimos anos ten unha diversidade de organizacións nunca antes vista. Organizacións españolas, sen conciencia de País e ao servizo dos intereses de Madrid, que en ningún momento son conscientes da nosa realidade histórica e socioeconómica diferente. 

Esta diversidade, xunto outros factores que non nos ocupa hoxe analizar aquí, minguou a capacidade de loita do estudantado nacionalista. E aínda que este segue ser, inequivocamente, o principal axente na loita polo dereitos dos e das estudantes é necesaria unha reflexión sobre o panorama actual. Esta reflexión xa foi feita nas organizacións galegas que coinciden na necesidade de soberanía da nosa nación (Comités, LEG e Agir). Estas tres organizacións, no que considero un éxito, foron quen de ver a necesidade da unidade para dotar ao movemento dunha forza moito máis grande ca actual, e, déixenme soñar, a máis potente aquí vista.

Foron entón as tres organizacións quen de crear o proxecto que se está agora mesmo a conformar por toda a nación denominado: ”Asembleas de Base. Organizando o estudantado galego”

Acordouse, creo que moi acertadamente, que se se quería realmente formar unha organización que acollese a todo o estudantado con conciencia de país non chegaba só con realizar unha unión orgánica, senón que había que contar coa participación de toda aquela estudante que lle interesase a defensa desta nación. Foron entón as tres organizacións quen de crear o proxecto que se está agora mesmo a conformar por toda a nación denominado: ”Asembleas de Base. Organizando o estudantado galego”.

Así é como, neste preciso instante, se está a artellar por todo o país, coa intención de chegar a tódolos recunchos posibles, estas Asembleas; presentando  as ideas comúns que nos uniron na súa creación e escoitando como mellorar tanto o proceso como o fin, unha organización que busque a soberanía nacional como único camiño para chegar a un verdadeiro ensino público galego. 

Estou plenamente convencido no éxito que isto vai a ter, na dotación a este pobo dunha arma que loite para conseguir un ensino completamente público, de acceso a toda a sociedade galega independentemente da súa situación económica, que poña en coñecemento e valor a nosa historia e cultura e que non permita o descoñecemento da nosa lingua e a incapacidade para falala, como tristemente está a suceder nalgunhas rapazas e rapaces hoxe en día.

Por todo isto confío en que o proxecto que está agora camiñando sexa un éxito que culmine cunha nova organización capaz e efectiva. E, sen dúbida ningunha, estou convencido que así será.

Comentarios