Opinión

Carta aberta a Xosé Luís Méndez Ferrín

En resposta ao artigo “O Castelán do Sobroso” de Xosé Luís Méndez Ferrín publicado en Faro de Vigo o 3 de agosto de 2020

Primeiro agradecer como pedáneo actual da Entidade Local Menor de Vilasobroso que teñas subido ao noso castelo para convertelo nun faro, sen costa marítima, pero nun faro que ilumina fachendoso con toda a luz das túas letras. É un pracer, aínda co xustillo que cingue un artigo xornalístico, poder navegar pola historia do insigne Aleixo Carrera, que montado no seu cabalo branco recorría os montes de Landín saudando maxestosamente aos veciños que apañaban o toxo para o gado.

Certamente o "romantizado" prócer de Vilasobroso mercou a título persoal os terreos do castelo por 5.000 pesetas e a súa herdeira vendeuno por 30 millóns, e quixo a carambola que non caese o castelo en mans privadas que impedisen o goce público dun baluarte que se capitalizou, sen dúbida, coa inversión do noso primeiro alcalde-presidente mais tamén, e con maior importancia, co traballo de moitas veciñas e veciños de Vilasobroso, que por pouco máis que un anaco de pan con chourizo traballaron levantando pedras día e noite. Aínda hoxe ningún organismo estatal ou nacional ten recoñecido a labor dos veciños de Vilasobroso en prol do patrimonio cultural.

A historia seguirá lembrando polos seus méritos a Aleixo Carrera, e nas vésperas do centenario da creación da nosa Entidade xa son numerosos os veciños, netos e netas das que puideron quedar, as que queren engalanar a nosa parroquia para celebralo.

Con diferenza do Norte de Portugal, que se divorciou de Galiza pero segue sendo o espello no que poder entender a nosa paisaxe política, o noso país conta unicamente con 9 freguesías: 8 na provincia de Pontevedra, dúas no Concello de Mondariz. Escápaseme quen deixou que a Igrexa patronease en Galiza, naqueles aires liberais do XIX, a parroquia civil confundíndoa coa eclesiástica, pero quizais foron os mesmos veciños que vían na creación dos Concellos unha ameaza castelá. Lembremos que nesas datas comezou o éxodo que levou millóns de galegos a Lisboa, a Madrid, a América e moito máis tarde a Europa.

Hoxe Vilasobroso conta con menos da metade da poboación de hai cen anos, igual que o resto das parroquias sen entidade da provincia, que nos sentimos centrifugadas cara a cabeceira da comarca nunha primeira fase, seguidamente a metrópole nacional de referencia e desde aí, as forzas gravitacionais como o buraco negro que rexe a Vía Láctea, pulan de nós cara as capitais mundiais nunha lóxica económica que maximiza beneficios a expensas de baleirar territorios. Esa estrutura de acumulación apóiase sen vergonza nunha constitución española que foi cambiada por encargo de Angela Merkel no seu artigo 135, modificado por José Luis Rodríguez Zapatero co apoio de M. Rajoy. Un artigo de "estabilidad presupuestaria" para contentar a acredores e modificar, entre outras leis, a de “Régimen Local” e borrar así, da lista de Entidades Locais, ás Menores.

Non chega coa indiferenza coa que nos trata a Xunta facendo inviable a nosa supervivencia senón que se planifica e artellao marco xurídico para facernos desaparecer como representantes naturais da parroquia, que é a célula, a entidade básica propia de Galiza.

Por suposto que é necesario, como ti ben demandas, que a esquerda nacionalista, a única esquerda con representación no país, reivindique a parroquia con capacidade xurídica, pero dista moito de ser suficiente. Nos territorios perirrurais, estamos sobrevivindo, estamos resistindo, non xa as parroquias, senón os mesmos concellos que nutridos no curto prazo coa súa periferia parroquial vanse baleirando sen consolo sentíndose ameazados por un artigo 135 da constitución que ampara a perniciosa lóxica do sistema de fusionar, diluíndo, o que eles definen como pouco rendíbel.

Dicía Castelao que somos galegos por obra e graza do idioma pero a lingua, o galego, aínda se fala na parroquia por obra e gracia dos veciños e veciñas que a habitan, que a fan Entidade.

Comentarios