Opinión

A marea galega que asolagará Madrid

Cansas pero cun sorriso nos beizos, afrontamos xa o final desta campaña ilusionante e intensa

Cansas pero cun sorriso nos beizos, afrontamos xa o final desta campaña ilusionante e intensa. Foron días nos que tratamos de explicar aos galegos e ás galegas que é En Marea e por que esta pluralidade de xente, organizada previamente ou non, decidimos dar un paso adiante para centrar os nosos esforzos en obxectivos comúns co fin de contribuír ao fin da alternancia dos tristes, fórmula que no plano da política institucional sostén este réxime de corrupción estrutural, democracia de baixa intensidade, desigualdade económica e centralismo madrileño. Un réxime sacralizado en 1978, que, como a estaca de Lluis Llach debe caer de vez.

Durante toda a campaña explicamos a nosa intención de rescatar as persoas fronte aos bancos; de pular por un novo modelo produtivo no noso país menos baseado na especulación, o ladrillo e o turismo de baixa calidade e máis baseado nun sector industrial que compita na innovación e o valor engadido e non na devaluación das condicións de vida dos traballadores-as; de avogar por un sector forestal ordenado que non o fíe todo ao monocultivo de eucalipto; pola vertebración do rural e a aposta polas súas potencialidades produtivas; polo marisqueo e a pesca de baixura fronte o modelo acuícola volcando na exportación de peixes pobremente alimentados; pola cultura entendida como dereito democrático; pola lingua galega, entendida coma ferramenta de comunicación e coma un valor que achegarmos ao mundo; polo pequeno comercio fronte o modelo de grandes áreas comerciais; pola mobilidade baseada nos trens de cercanías e a racionalización do sistema aeroportuario; pola visibilización da muller que, como non me cansei de repetir, sostén a metade do ceo e merece, polo tanto, a metade do orzamento etc etc etc.

Se as enquisas apuntaron en varios momentos a que En Marea pode ser segunda forza en Galiza a día de hoxe todo é posible

Encaramos xa a fin de campaña co convencemento de que imos facer historia. Se as enquisas apuntaron en varios momentos a que En Marea pode ser segunda forza en Galiza a día de hoxe todo é posible. En Marea, este espazo común e diverso que quere ser continuador da experiencia das mareas municipalistas que deron a sorpresa nas eleccións da primavera pasada, ten opcións reais de que, por primeira vez na historia, o noso país, Galiza, teña un grupo parlamentario propio no Congreso dos Deputados. Un grupo que permitirá dar voz e solución aos grandes problemas que afectan a un país que, coma o noso, é periférico a respecto dos fluxos económicos do estado español, uns fluxos que discorren pola liña imaxinaria que vai de Donostia a Madrid e de aí cara o Mediterráneo.

Este carácter dobremente periférico de Galiza, dobremente porque é periferia da periferia, fai que sexa preciso, mesmo para a mera sobrevivencia do país, ter unha voz forte que poña enriba da mesa o dereito dos galegos e as galegas a decidiren o que queren ser nos tempos de mudanzas que xa se enxergan no horizonte.

Imos En Marea, para mudalo todo. Imos En Marea para que no noso país florezan mil primaveras máis.

Comentarios