Opinión

O sector eléctrico: exemplo perfecto da necesidade de soberanía para Galiza

A configuración do mercado eléctrico do Estado español exemplifica á perfección as miserias do actual sistema económico e o rol subordinado e dependente no que Galiza se insire nel. 

A configuración do mercado eléctrico do Estado español exemplifica á perfección as miserias do actual sistema económico e o rol subordinado e dependente no que Galiza se insire nel. As decisións políticas do bipartidismo estatal alleas ás necesidades do noso país, o limitadísimo marco competencial que impide deseñarmos un modelo propio e as características oligopólicas deste mercado dan como resultado unha estafa de grandes dimensións que xera uns beneficios extraordinarios ás eléctricas pagados dos nosos petos, sen que Galiza poida ter resortes para tentar contrarrestar estes efectos. Vaiamos por partes, o deseño do sector eléctrico...

"O subministro de enerxía, que debería ser un servizo público, constitúe no Estado español un mercado opaco, un oligopolio pechado onde cinco empresas obteñen beneficios extraordinarios ano tras ano".

A. Representa o dominio dos poderes económicos fronte aos consumidores

O subministro de enerxía, que debería ser un servizo público, constitúe no Estado español un mercado opaco, un oligopolio pechado onde cinco empresas obteñen beneficios extraordinarios ano tras ano. É tal o despropósito que supostamente debémoslle ás eléctricas nin máis nin menos que 35.000 millóns de euros, en concepto dese invento chamado “déficit tarifario”, que xustifica a súa existencia en que o prezo da electricidade non cubre os custos de produción, o cal é totalmente falso. 

O truco, consagrado coa liberalización do sector durante o Goberno Aznar, reside no cálculo dese custo a través das poxas no mercado maiorista, onde o prezo final de toda a electricidade márcao o da última oferta –a máis cara- en ser aceptada. Isto significa que os propietarios das tecnololoxías que producen a uns custos moi inferiores ao prezo que pecha a poxa obteñen beneficios desorbitados, os coñecidos no propio sector como “beneficios chovidos do ceo”. Mesmo a Comisión Nacional da Competencia (CNC) recoñece o escándalo ao asegurar que “a competencia insuficiente no sector enerxético contribuíu á constitución do déficit tarifario, ao favorecer unha compensación excesiva dalgunhas infraestruturas de produción, tales como centrais nucleares e hidráulicas xa amortizadas.” E como contrapartida, temos as as terceiras tarifas máis caras para o consumo doméstico e as oitavas para o industrial dentro da UE.

B. Amosa a íntima relación entre os lobbies económicos e as organizacións políticas sistémicas

A situación de poder do oligopolio eléctrico non sería posíbel sen a lexislación que o permite, e neste sentido apenas existiron fisuras entre os partidos da alternancia española, o PP e o PSOE, en pregarse aos desexos do lobbie eléctrico. A propia CNC ten denunciado pactos de prezos e ausencia de medidas para a separación efectiva das actividades (produción, distribución, transporte e comercialización) pero o bipartidismo estatal sempre tivo claro a quen obedecer.

"Funciona á perfección esa porta xiratoria situada en Madrid que senta rapidamente a ex-altos cargos de Goberno nos consellos de administración das eléctricas".

Por suposto, funciona á perfección esa porta xiratoria situada en Madrid que senta rapidamente a ex-altos cargos de Goberno nos consellos de administración das eléctricas. Non é casualidade que vísemos ao ex-Presidente José María Aznar no da empresa que el mesmo privatizou, Endesa, ou a Felipe Gonzalez no de Gas Natural.

C. Prima os privilexios das eléctricas fronte a desenvolvemento sustentábel

En consonancia coa perfecta sintonía que existe entre as grandes eléctricas e o “PPSOE”, as decisións que adoptaron os gobernos sempre antepuxeron os intereses das mesmas fronte a criterios medioambientais. Sirva como exemplo a supresión das primas ás renovábeis -inxustamente culpadas do déficit tarifario- que está a supor un forte freazo a estas enerxías, con graves implicacións medioambientais.

Ademais, para manter o estatus quo das grandes eléctricas, o goberno está a pór trabas a unha aposta polas enerxías limpas como é o autoconsumo. Así, o ministro Soria, noutro exemplo desa íntima relación entre poder político e económico, “inspírase” nunha ponencia de Iberdrola para promover unha regulación que impide o balance neto e introduce o coñecido como “imposto ao sol” sobre toda a enerxía producida. 

D. Exemplifica o rol dependente, periférico e alleo aos centros de decisión no cal se insire Galiza no Estado español

"Para manter o estatus quo das grandes eléctricas, o goberno está a pór trabas a unha aposta polas enerxías limpas como é o autoconsumo".

A Galiza foille imposto polo Estado español o papel subministrador de enerxía para favorecer o desenvolvemento e industrialización doutros territorios. O noso país foise especializando na xeración de electricidade, primeiro a través dos aproveitamentos hidroeléctricos e do carbón, continuado despois co eólico e os ciclos combinados. Así, somos excedentarios na produción de electricidade, exportando nos últimos anos entre un 46% (2001) e un 25,5% (2008) da enerxía que xeramos, tendo que soportar custos sociais e medioambientais derivados desta especialización: desprazamento de poboación, asolagamento de vales, contaminación, etc. 

Porén, por ser o deseño eléctrico alleo, non obtemos ningún beneficio. Dunha banda, négasenos poder impulsar un modelo enerxético propio. Cando se teñen levado a cabo actuacións dentro do limitado marco autonómico, como o desenvolvemento do eólico galego, unha decisión estatal contraria aos intereses de Galiza, como foi a supresión do réxime de primas, supuxo o toque de graza para o sector, que xa estaba malferido polo sectarismo de Feijoo. Doutra banda, a imposición estatal dunha tarifa única en todo o Estado impídenos obter algunha vantaxe da nosa condición de productores excedentarios. 

"A imposición estatal dunha tarifa única en todo o Estado impídenos obter algunha vantaxe da nosa condición de productores excedentarios". 

As alternativas pensadas dende Galiza

Ante este espolio, queda clara a importancia de afondar en propostas pensadas dende e para o noso país. Dende o BNG convocamos para este sábado 31 de xaneiro unha xornada aberta baixo o título de “Fronte ao espolio eléctrico, soberanía para Galiza. Por unha tarifa eléctrica galega” onde partindo destas análises faremos fincapé nas alternativas galegas. Dunha banda, as que parten dende o/a consumidor/a, como o que facer ante o recibo da luz, as cooperativas de consumo e comercialización ou o autoconsumo. Doutra banda, as alternativas políticas, que pivotan ao redor de dotármonos de soberanía para poder desenvolver un modelo enerxético propio que rache cos lastres que viñemos de debullar e nos dea plena decisión sobre o control dos nosos recursos.

En especial, centrarémonos no demanda dunha tarifa eléctrica propia, comezando pola necesidade da mesma para a xente -en especial da que está a sufrir a pobreza enerxética- e para o tecido produtivo, que obtería unha salientábel vantaxe competitiva, e analizaremos os fundamentos nos que se sustenta a proposta, derivados de obter un beneficio da nosa condición de produtores excedentarios.  

Comentarios