Opinión

Cultura sostible

Estamos nun momento de urxencia, sanitaria en primeiro lugar, mais económico-social ao mesmo tempo. Fálase do rescate das persoas e da economía, e cada sector lexitimamente, demanda medidas de subsistencia. Claro que se deben rescatar ás persoas e aos sectores económicos máis precarizados e maltratados polo sistema económico. Se os bancos foron rescatados con 60.000 millóns de euros que aínda non devolveron, con máis razón se debera rescatar ás máis febles. Agora ben, creo con firmeza que paralelamente ao rescate deberiamos ir pensando nun cambio de modelo, que aprenda dos erros do pasado e que nos permita construir un futuro de produción e consumo, de ritmos de vida (e de xestión cultural tamén) máis sostible.

Hai uns anos un tal profesor Florida falounos das clases creativas, que sobre esa nova industria chamada cultural, xerarían tal valor engadido que as democracias occidentais atoparían na economía simbólica un suplemento á producción que a globalización levara para Asia. Unha década despois o propio profesor Florida pedía perdón polas súas erróneas predicións e o sector cultural, neste entorno polo menos, non só non chegara a industria, senón que era unha mostra fiel da cruel evolución do capitalismo: atomización “empresarial” (todxs autónomxs), precarización xeralizada, desregulación laboral e autoexplotación, eso si, camuflado todo entre cócktails en terraza de hotel amenizados polo grupo do momento, que por suposto non vivía da música, mentres os conselleiros presentes no acto reconvertían a cultura en turismo, enterraban os orzamentos anuais debaixo das torres Hejduk e non apostaban pola cultura, senón polo entretemento e a propaganda para unha tele pública vestida de luto.

Nesa festa do “desclase” estábamos instaladxs antes do virus, aínda que xa soaban voces que nos decían que ademais dun recurso económico lexítimo, a cultura é un dereito cidadán. Esas voces insistían unha vez máis na necesidade de coidar a cultura propia, de garantir o acceso á cultura e o dereito a facer cultura. Esas voces resaltaban que nese facer cultura somos auténtica potencia creativa, con moitísimxs profesionais de sobrada valía e cunha tradición de cultura amadora inmensa que xera un ecosistema fértil para o florecemento cultural. En definitiva comezaba a falarse de que Galiza está máis preparada para unha cultura sostible, que para unha cultura grandilocuente, cara e difícil de manter no tempo. Comezaba a falarse de cultura e sostibilidade.

Qué é a cultura sostible?

“A sostibilidade en termos xerais aboga por repensar o desarrollismo e o crecemento económico e productivo como único paradigma da sociedade. As propostas da sostibilidade falan da redistribución e relocalización dos recursos a partir de experiencias de protagonismo cidadá, que den opción a outro tipo de relación entre medios, sistemas e modos de supervivencia. A sostibilidade replantexa polo tanto a producción cultural en termos de ecosistemas socioculturais onde diversos axentes entran e deben soster un ritmo de relacións nun entorno e cunha biodiversidade específica. O reto é non caer no colonialismo e no monocultivo das grandes corporacións globalizadas tamén na produción cultural. Evitar este sistema de grandes proxectos centralistas nos que non se permite a produción local e a biodiversidade. A sostibilidade cultural plantexa a redistribución dos recursos, con outras lóxicas de xestión, ca redistribución dos orzamentos, con outros axentes e outros tempos e ritmos. Póñense agora en duda os macroeventos, as grandes programacións de alto custo, as grandes infraestructuras…a cultura transxénica”.

Nesta adaptación do texto de transductores atopamos unha posible definición, mais en GZ existen aínda moitos exemplos vivos da cultura sostible. Dende o inmenso tecido do baile e a música tradicionais á economía social, ca cooperativa como fórmula empresarial para a cultura. Somos un país de fonda tradición comunitaria e ecosocial, como sinala Fran Quiroga cando compara os usos tradicionais do agro galego ca cultura e propón un modelo “en extensivo” (frente ao intensivo) onde se cuestionan termos como progreso, escala, productivismo, grandes corporaciones e outros termos que o modelo capitalista actual utiliza para posicionarnos como simples productores ou consumidores de cultura, facéndonos olvidar por momentos, que a cultura é moito máis que un ben de consumo. “Se consideramos que o agro en extensivo non é só para producir alimentos, senón que tamén ten un impacto ecosocial, que incide e afecta ao territorio e tece unha serie de relacións, debéramos pensar no papel das institucións culturais, non só como meras proveedoras de productos culturais senón como lugares que afectan ao contexto e aos retos contemporáneos aos que nos enfrentamos”.

Necesitamos afondar nesta tradición de cultura sostible para construir dende ela outro paradigma axeitado aos tempos, máis lóxico que o modelo dos grandes edificios que non se puideron acabar, de sectores industriais que nunca chegaron a tal e dos macroeventos que consumen a maioría dos limitados recursos públicos.

Queremos e necesitamos falar dunha cultura da sostibilidade e non só a través da sostibilidade ambiental, senón a través dunha visión ampla do termo, que inclúa a sostibilidade do consumo cultural a través das comunidades e non só dos públicos, a sostibilidade empresarial do sector cultural a través de fórmulas que superen a precarización, a sostibilidade das infraestructuras e o seu mantemento, a sostibilidade dos aforos, que terán que reducirse, ao tempo que aumente a necesidade de profesionais para cubrir a multiplicidade de actos. A sostibilidade do termo mesmo de cultura, ao que nos últimos anos se quixo levar, ao pensamento único do productivismo.

Rescatémonos primeiro, coidémonos si, e cando nos sexa posible, pensémonos tamén. Saúde e futuro para todxs!

Comentarios