Opinión

Sen vergoña, sen memoria

Ou non hai memoria ou hai moi pouca vergoña e a irrupción de Vox como partido de ultradereita e ultraespañolista, sen edulcorantes nin disfraces, está a facer perder a elementos do PP o norte dos principios democráticos. Dá calafríos que o presidente andaluz, o popular Moreno Bonilla, citase onte a "Triple A" para referirse a Alberto (Núñez Feixoo), (Isabel Díaz) Ayuso e (José Luis Martínez) Almeida.

Mais maior tristeza e desesperanza dá ao pensar en que o ex presidente da Xunta da Galiza, ex dirixente do Partido Popular na Galiza e actual presidente desa formación a nivel estatal non for quen de desmarcarse de tal comparativa.

Non esquezamos que a coñecida como "Triple A", a Alianza Apostólica Anticomunista, foi unha grupo terrorista parapolicial xurdido após morrer o ditador Francisco Franco e que cometeu os seus asasinatos entre os anos 1977 e 1982. 

Ben, podemos pensar que o presidente andaluz descoñecía quen foi este grupo fascista. Podemos pensar que Feixoo tamén o descoñece e que por iso non censurou a Bonilla nin dixo nada sobre que o seu nome sexa vinculado con ese grupo ultraespañolista. 

Podemos pensar que non teñen memoria histórica, mais... tampouco teñen memoria recente? E é que, o doloroso desta cuestión é que non se trata dun despiste ou un "desafortunado" xogo de palabras. Non, trátase dunha comparativa que xa foi censurada hai apenas uns meses polo movemento memorialista cando non Bonilla senón o propio Núñez Feixoo a empregou en xaneiro. "Ayuso, Almeida e absoluta é a triple A que estamos tentando conseguir en todas as comunidades autónomas”, dixo. 

E mentres escoitamos esta banalización por parte de quen foi presidente da Xunta da Galiza e é aspirante a gobernar o Estado español, a memoria histórica e o recordo e restitución de quen defendeu a Galiza fronte o horror franquista segue hoxe pendente de recuperar. Ante a indiferenza de institucións e xudicatura á memoria histórica, polo menos non facer alarde.

Comentarios