Opinión

Cando falan de nós

Os medios de carácter progresista de ámbito estatal, para quen as noticias transcendentais son unicamente as que comezan e rematan en Madrid, tardaron días nas súas análises electorais en decatarse de que a Galiza comportouse nas urnas de forma diferente ao Estado. Votou distinto. Tardaron en fixarse en que o PP logrou nas eleccións facerse só con unha das sete cidades galegas -pasou de gobernar cero urbes a unha, Ferrol-. Que estraño, pensarían en Madrid, co conservadores que son na Galiza, que nesta onda de ascenso da dereita e do ultraespañolismo o PP careza case por completo de poder municipal urbano. 

O acordo ao que chegaron BNG e PSdeG esta semana para apoiarse nas investiduras alí onde cada forza teña máis votos e facilitar Gobernos municipais alternativos ao PP deixa para nacionalistas e socialistas unhas 150 Alcaldías e implica que a maioría da poboación galega viva en concellos gobernados por BNG e/ou PSdeG. Aliás, dos 12 concellos máis poboados do país, o PP só gobernará dous, e atendendo ao número de habitantes, estas localidades ficarían cara ao final da lista: o 7º posto (Ferrol) e o 11º (Arteixo), que entre os dous suman 47.000 residentes, lonxe dos 181.007 que suman Pontevedra e Compostela (que terán Alcaldías do BNG) ou dos 292.374 só de Vigo (PSdeG).

Sumado isto, a que na Galiza o PP logrou 38% dos votos, pódense extraer tres conclusións. Primeiro, a sociedade galega non é conservadora nin centralista. Segundo, o PP foi o partido máis votado pero non gañou as eleccións municipais  xa que en democracia, goberna quen é capaz de chegar a acordos e sumar maiorías. Terceiro, o resultado do 23 de xullo non está escrito. 

E xa só un apuntamento a esta semana: a maioría de medios dan por seguro un Executivo estatal de Núñez Feixoo con Vox. Isto está a normalizar os pactos do PP coa ultradereita. Nota: a conservadora e democristiá CDU alemá dixo na segunda feira que non haberá nunca pacto coa ultradereita, alí si fan cinto sanitario aos fascismos. 

Comentarios