Opinión

Café con asfalto

Ao facer Vigo-Compostela gosto de tomar un café antes de subir ao tren e ollar a ría sentando na nova praza que se desprega sobre a estación de tren e deixar as ideas coller forma. Un deses momentos de pracer que serán adiados varios meses por mor do sol e a ausencia de árbores.

O café de onte espertou unha disxuntiva: ou tomalo dentro do estresante centro comercial que alberga a estación de Vigo ou tomalo no exterior, a pesar do duro sol, mais desfrutando desa praza e as súas vistas á ría -salvando as construcións que se fixeron sobre ela e que nada teñen a ver con abrir Vigo ao mar-.

Ao non poder “aguantar” nesa praza polas altas temperaturas e ver tan enorme espazo baleiro de persoas debido á ausencia de árbores que dean sombra, acabei como resto: amoreados na porta do centro comercial á pequena sombra que esta daba. Isto fai reflexionar sobre os modelos de cidade negacionistas do cambio climático. Unha imaxe semellante á que lles relato recorreu as redes: a Porta do Sol de Madrid transformouse nunha pista de cemento sen árbores e a xente amoréase na minúscula sombra que produce a entrada de metro.

Mais en vez de ver Madrid, vexamos o que temos nós: outra Porta do Sol, a de Vigo, convertida nunha pista de baldosas sen árbores. Unha maqueta que estes meses deixará durante os días e as tardes unha praza sen persoas. Afirma o alcalde que non hai arboricidio, que plantou máis árbores das que cortou. Sen entrar en cifras só engadir, que alén de osixenar as urbes a función destas é producir sombra e permitir transitar e desfrutar as rúas, e a plantación de árbores minúsculas e plantas floridas deste mandato non axuda.

O verán pasado faleceron na Galiza 232 persoas polas altas temperaturas, catro veces máis que no verán de 2021. O cambio climático chegou, e os modelos de cidade deben combatelo. A campaña electoral debera dar ás formacións políticas para reflexionar sobre isto e apostar por gañar espazos públicos acaídos.

Comentarios