Opinión

Yesterday

Este ano cumpriranse corenta anos do asasinato de John Lennon, probabelmente un dos personaxes públicos que máis influíron, coa súa música e militancia anti-militarista, na segunda metade do século XX. Ningunha expresión artística resulta máis evocadora e posuidora de intensa carga lírica que a música, especialmente a boa música. E quizais poucas cousas inflúan máis nun adolescente que a música popular. Hai uns días asistín a un concerto dunha banda inglesa de tributo aos Beatles, un grupo que marcou a miña mocidade musical ao igual que a doutros moitos mozos e mozas da década dos sesenta. O seu son trasladoume a outros tempos caendo baixo o influxo máxico das súas baladas, cheas de tenrura e idealismo.

Coa banda de Liverpool sucedía que sen apenas comprender as letras, naquela altura o inglés non era motivo de preocupación das autoridades educativas franquistas, as súas cancións atraían á xente nova coma un imán e a súa música acabouse convertendo nun instrumento liberador. Á potencia da súa mensaxe contribuíu a elevada calidade musical das súas cancións, pero tamén o estilo natural e transgresor do xenial binomio McCartney-Lennon. Nos mozos de Liverpool non había impostura, só certa rebeldía que abrollaba a través das súas cancións, declaracións e forma de vestir, reflexo das súas orixes nos barrios obreiros do estuario do Mersey.

Porén, foi Lennon o único que decidiu traspasar a barreira do espectáculo e utilizar a súa fama para enfrontarse aos valores dun mundo que non compartía. Fíxoo abertamente no seu Working Class Hero, denunciando de forma moi lúcida a alienación que producía o sistema capitalista na xente, “Téñente dopado coa relixión, o sexo e a televisión”, afirmaba nunha das súas estrofas. Con ocasión da promoción da emblemática Imagine declarou que era “…anti-relixiosa, anti-nacionalista, anti-convencional, anti-capitalista, pero como está edulcorada é aceptada. Agora entendo o que hai que facer: poñer un pouco de mel na túa mensaxe política”.

Dende a publicación de temas pacifistas e de denuncia da guerra do Vietnam, como Give Peace A Chance ou Happy Xmas (War is Over) o goberno de Richard Nixon púxoo no punto de mira, vixiado de cerca pola CIA e o FBI, intentando varias veces deportalo de EE.UU. O compromiso de Lennon cos movementos de liberación quedou patente cando se solidarizou coa loita independentista de Irlanda do Norte a raíz do masacre do Domingo Sanguento a mans do exército británico de ocupación. Todo un exemplo de coherencia. Foi esa militancia anti-sistema, na que centos de miles de seguidores cantaban os seus himnos pacifistas, a que asustou ao poder. Probabelmente, ese compromiso cos desherdados e a non-violencia explique o dramático desenlace da súa vida, aniquilada nunha fría mañá neoiorquina do inverno de 1980, disque por un “perturbado”. O mesmo tipo de perturbados que asasinaron a John e Bob Kennedy e a Luther King? En USA saben moito de “perturbados”. Iso foi onte, pero as ideas de Lennon seguen vivas en moita xente, en América, Asia, Galiza ou Catalunya, soñando que un mundo mellor, non só é desexábel, é imprescindíbel.

Comentarios