Opinión

Xogos de guerra na vella Europa

Europa foi utilizada con frecuencia como escenario de intrigas e conflitos bélicos en beneficio de actores extracontinentais. E, ultimamente, as potencias reitoras da OTAN están interesadas en crear problemas de estabilidade en Ucraína e Bielorrusia co único obxectivo de incomodar a Rusia e impedir a cooperación económica occidente-oriente. 

As potencias hexemónicas occidentais necesitan o conflito (se non o hai, créano) e a guerra permanente para acosar a inimigos imaxinarios e someter aos seus aliados europeos. Para entreter a estes últimos basta con sacar a escena a Rusia, resaltando a súa “malignidade intrínseca”. No século pasado había que combatela por comunista e agora porque quere vender a Europa o seu gas natural e a Sputnik V. Xa non están a favor do libre comercio? Por iso hai que inventar conflitos como o de Ucraína, Bielorrusia ou o do racista Navalny (A.I. dixit).

O golpe de estado de 2014 en Kiev, que upou ao poder a un conglomerado de nazis e conservadores rusófobos fíxose co obxectivo de saquear o seu país, crear inestabilidade e levar a OTAN ata as fronteiras rusas. Porén, cos acordos de Minsk II (apoiados por Rusia, Francia e Alemaña) lográrase estabilizar a situación, ata que coa chegada de Joe Biden volveron de novo as hostilidades e a ameaza de guerra. Non é broma, trátase dunha ofensiva en toda regra, en varias frontes, como o intento de golpe de estado en Bielorrusia da semana pasada, coa implicación dos servizos de intelixencia occidentais e silenciado polos grandes medios (desviando a atención coa expulsión de diplomáticos rusos en Chequia e outros países). 

Do que se trata é de illar a Rusia, avivando conflitos locais e torpedeando a integración económica euroasiática, como o gasoduto ruso-alemán do Báltico, na súa última fase de construción. Os anglo-norteamericanos prefiren Europa sometida ao diktat transatlántico e que merque máis caro, por exemplo, o seu gas de esquisto. Ese foi o contexto no que EUA anunciou o envío de navíos de guerra ao mar Negro en “apoio de Ucraína”, outra provocación fracasada ao ameazar Rusia cunha resposta militar contundente, facendo recuar a Biden. Pero aos ingleses non lles gustou nada esa volta atrás “na defensa do mundo libre” (The Telegraph, dixit) e decidiu afearlle a conduta a Biden, anunciando que será a Royal Navy a que arribará a Odesa. Un xogo estúpido e perigoso.

Os británicos sempre creron que Biden sería máis permeábel aos seus designios que Trump, pero unha cousa é propiciar un golpe de estado e outra unha guerra aberta con Rusia. Esta situación é un indicador de quen move os fíos na Ucraína e da influencia británica sobre o incauto presidente Zelensky, encantado de seguir os ditados do MI-6. É sumamente importante que as sociedades europeas se decaten da xogada británica e estadounidense. Deberían saber que os británicos consideran que, en caso dun novo conflito en Ucraína, a Europa continental ardería, mentres “Brexitland” quedaría a salvo como nas guerras anteriores, segundo sinala o analista Pepe Escobar. Que repasen a historia, quizais algúns comecen a comprender mellor as razóns do Brexit.

Comentarios