Opinión

Xeopolítica en Siria

Segundo EE.UU., Reino Unido e outros países da OTAN, acompañados polos media occidentais, o pasado 7 de abril o exército sirio atacou con produtos químicos a cidade de Duma ao oeste de Damasco causando un masacre con vítimas civís. Sen agardar a que dito ataque puidese ser confirmado por fontes independentes ou pola ONU o eixe formado por EE.UU, Reino Unido e Francia finalmente bombardearon Siria a madrugada do día 14 de abril. Unha operación que lembra a ocorrida coa invasión de Iraq en 2003, baixo a acusación de EE.UU. de que Saddam Hussein posuía “armas de destrución masiva”, algo que despois resultou ser unha farsa. Porén, esta vez, antes do bombardeo, xa se sabía que o tal ataque químico fora unha montaxe, unha vez que Rusia deu cos “actores” que participaron na mascarada de Duma. Descubriuse que o MI6 británico estaba detrás da rodaxe televisiva utilizando como comparsas a uns inocentes cidadáns sirios, collidos no medio das accións bélicas. O outro elemento activo na montaxe foron os “Cascos Brancos”, unha ONG financiada polo Reino Unido e ligada ás organizacións islámicas Al Nusra e Fatah al Sham.

Despois do ataque aliado, as autoridades sirias fixeron balance e declararon que os danos militares foron practicamente nulos, sen ningunha vítima mortal, ademais de media ducia de feridos. O máis afectado foi un edificio que fora investigado pola OPAQ [Organización para a Prohibición das Armas Químicas] na época de Obama e declarado daquela limpo de produtos químicos. Á luz desta pírrica acción militar e da súa motivación xorden algunhas preguntas: 1. Por que non agardar a que a delegación da OPAQ que xa estaba en Damasco, fixese o seu traballo e despois debater as súas conclusións na ONU, e se houbese caso tomar as medidas pertinentes de acordo co dereito internacional? 2. E, en calquera caso, por que facer un ataque destas características, sen ningunha consecuencia militar que poida cambiar o curso da guerra en Siria?

Descubriuse que o MI6 británico estaba detrás da rodaxe televisiva utilizando como comparsas a uns inocentes cidadáns sirios

 

A resposta a estas preguntas é moi fácil: o que perseguían os agresores non era defender o dereito internacional senón seguirían o procedemento sinalado na pregunta 1. Mais tampouco querían liquidar Bashar al-Assad porque senón farían outro tipo de operación militar distinta da indicada na pregunta 2. Que ocorre, entón? Na miña opinión, por un lado, trátase dunha manobra de distracción para tapar o asunto do axente dobre Skripal envelenado cun produto químico, usado polos países da OTAN como se sabe agora, e que as propias autoridades científicas británicas non se atreveron a sinalar que fose fabricado en Rusia. Por iso, cando os argumentos británicos comezaban a fallar apareceu como por arte de maxia o “ataque químico” de Duma, suficientemente aireado polos grandes media, desviando así a atención de algo que xa non funcionaba. 

Pero hai outra razón para realizar este ataque e esa é a contundente vitoria do goberno sirio na liberación da zona de Ghuta Oriental, un territorio estratéxico ocupado polos islamitas, utilizado para bombardear periodicamente Damasco, onde causaron numerosas vítimas civís nos últimos meses das que non falan os medios occidentais. Este é un dato militar relevante pois esta vitoria de Bashar al-Asad xa non lle permite ao ISIS, e ás demais organizacións terroristas manexadas polo MI6 británico acosar Damasco como ata agora.

Trátase dunha manobra de distracción para tapar o asunto do axente dobre Skripal envelenado cun produto químico

 

Por último, por que a acción bélica foi de escasa relevancia? A resposta está en que Rusia advertiulle a EE.UU. e aos seus aliados que se se producía un ataque masivo que lle afectase ás súas unidades asentadas en Siria respondería con contundencia e esta circunstancia no plano militar xa non é igual que bombardear un país devastado por sete anos de guerra. En moitos aspectos este ataque lembra o do ano pasado en Jan Sheijun, tamén liderado por Trump, despois da liberación de Aleppo e Palmira polas tropas gobernamentais sirias. Igual que sinalei naquela ocasión en todo este labirinto de Medio Oriente destaca o relevante papel do goberno británico e dos seus servizos especiais involucrados nas accións de falsa bandeira que se producen en Siria. Foron eles, os británicos, quen estiveron implicados nas sabotaxes do ano pasado e os que organizaron a última de Duma. Son os británicos os que están levando a vangarda na loita contra Rusia, principal rival militar estratéxico en Siria, e a nivel europeo e mundial. E son os británicos, no ámbito diplomático e coas operacións de bandeira falsa, os que premeron aos seus aliados “americanos” para que co seu poder militar lle desen un escarmento a Rusia a través do seu aliado sirio. Isto é aínda máis importante despois de saber que ningún mísil disparado polo RU o 14 de abril deu no branco.

En realidade, detrás de todo isto está un xogo xeopolítico no que destaca o reagrupamento de forzas encabezado polo trío EE.UU.-RU-Francia cuxo obxectivo estratéxico é illar a Rusia e limitar a expansión económica de China. Neste xogo non están totalmente definidos os bloques porque en Europa, máis alá dos apoios verbais, hai países remisos a embarcarse en operacións militares de dubidoso éxito. O feito de que o 70% dos mísiles fosen derribados polas obsoletas defensas sirias é todo un síntoma. E un país onde hai máis división interna é Alemaña que se ve deixada de lado polo seu aliado das últimas décadas, Francia, agora escorada a través de Macron cara ao flanco anglosaxón. No outro bloque está Rusia, potente a nivel militar, pero con problemas no ámbito da CEI [Comunidade de Estados Independentes] e con conflitos nas súas fronteiras, construíndo unhas alianzas que aínda non alcanzaron a consolidación necesaria. No caso ruso o seu problema é que necesita afianzar o papel como socio críbel e iso lévao inexorablemente a ter que implicarse cada vez máis cos seus aliados, como é o caso de Siria, sen caer ao tempo nun conflito global de imprevisibles consecuencias. Esta difícil partida de xadrez probablemente obrigará a Rusia a ter que establecer un statu quo en Oriente Medio baseado no seu poder militar, con algún escarmento a outros actores secundarios, como fixo co ISIS, para que Occidente asuma que o mundo unipolar desapareceu definitivamente do mundo actual. Todo este xogo de intereses é un asunto de enorme risco para o futuro da humanidade, cuestión que nos debería facer reflexionar sobre o estado do movemento pacifista mundial.

Comentarios