Opinión

Xeopolítica e coronavirus

Dominar a hermenéutica da diplomacia é unha técnica indispensábel para coñecer o que se coce nas relacións internacionais e na política interna dos diferentes países. E os lapsus linguae (no senso freudiano) son unha boa ferramenta para descubrir o que realmente pensan algúns altos representantes políticos. Hai uns días Mike Pompeo, o secretario de Estado de EE.UU., acusou a China de utilizar os seus xigantes tecnolóxicos, como Huawei, de “cabalos de Troia” para espiar a Occidente. O que Pompeo nos estaba revelando de forma subliminar é que iso é o que xa están facendo as grandes compañías americanas, como Google, Facebook ou WhatsApp. Algo que, por outra parte, quedou ao descuberto cando Edward Snowden denunciou hai uns anos a campaña de espionaxe global realizada pola NSA en colaboración con esas compañías. Pero as declaracións de Pompeo evidenciaron algo de máis alcance. Lembremos que a guerra comercial con China foi oficialmente resolta hai uns meses na xuntanza do G-20, cando Trump e Xi Jinping selaron un acordo levantando o veto que pesaba sobre a empresa chinesa. Que significado encerra, entón, a agresiva intervención de Pompeo na Conferencia de Munich en plena crise do coronavirus?. Curiosamente, a acérrima inimiga de Trump Nancy Pelosi coincidiu con Pompeo —no mesmo foro— en sinalar que Huawei era un perigo para a infraestrutura internacional 5G. É obvio que, nin Pelosi nin Pompeo, están preocupados pola democratización das telecomunicacións, senón de que os americanos teñan a exclusiva da espionaxe internacional. Pero, o que revela esa coincidencia, é o grado de infiltración da Administración republicana polos demócratas e as dificultades —superado o impeachement— que lle agardan a Trump ata as presidenciais.

E que relación ten a xeopolítica co coronavirus de Wuhan? Máis alá da necesidade de illar o SARS-CoV-2 e achar unha vacina eficaz para combater a COVID-19, a histeria desatada a nivel mundial non se corresponde coa letalidade do famoso virus, sen que iso signifique que non se deban tomar todas as precaucións para evitar a súa propagación. Como é coñecido, o virus da gripe de 2018 matou só en España a moita máis xente e non se desatou por iso unha alarma parecida. Claro, daquela non se puxeran de acordo todas as axencias internacionais de noticias, como agora, declarando a COVID un pesadelo que ameaza a toda a humanidade. Instancias moi poderosas de Occidente, especialmente de EE.UU. e Reino Unido, decidiron pasar á ofensiva contra China. Conforme as súas manobras de boicot comercial ían fracasando foron aparecendo outras novas, como as revoltas de Hong Kong do verán pasado e agora o coronavirus. As noticias alarmistas non paran de sucederse, a última da man dun experto de saúde pública da Universidade de Harvard, advertindo como moi probábel que ata o 70% dos habitantes do planeta se infecten coa COVID o ano que ven, en contraste coa opinión oficial da OMS, máis cauta e advertindo contra o pánico irracional. Os partidarios da guerra comercial con China e os lobbies farmacéuticos parecen coincidir en que esta é unha boa oportunidade para facer caixa.

Comentarios