Opinión

Volve o Gran Xogo

Algúns pensaban que coa chegada de Joe Biden á presidencia dos EUA o mundo se ía mergullar nunha explosión democrática de liberdade, xustiza, paz e amor. Porén, nin se cumpriron as expectativas domésticas máis elementais, como división social, a regularización da inmigración, a contención dos ataques racistas ou o control de armas, nin tampouco se produciu un cambio na tradicional política ianqui de intervir nos asuntos de países soberanos. Ao contrario, coa chegada de Biden, os problemas no ámbito internacional agraváronse ata niveis descoñecidos dende a etapa Obama. 

Os exemplos son numerosos, pero é especialmente rechamante o que está ocorrendo en América Latina na última semana. O intervencionismo ianqui, alentado dende Miami, multiplícase nese continente intentando instrumentalizar o sufrimento social causado pola Covid e o incesante e brutal bloqueo económico, como sucede con Nicaragua e Venezuela e ultimamente con Cuba, no medio dunha enorme campaña de intoxicación informativa coa plena colaboración de Twitter, enchendo de contas falsas, bots e imaxes manipuladas o espazo cibernético cubano e internacional. O “demócrata” Biden non dubida en utilizar diversos modelos de guerra encuberta, dende o bloqueo comercial, o suborno e a manipulación informativa, ata o terrorismo letal financiado polo narcotráfico e con patente de corso estadounidense. A ofensiva é extraordinaria e está dirixida a tapar o asasinato do presidente de Haití (realizado coa participación de EUA) e as rebelións populares de Colombia, Perú, Ecuador e Chile, atacando a Cuba pola xestión da Covid, o país coa mellor sanidade pública do continente americano. E os xornais “democráticos” sumándose á farsa. Que vergoña.

Isto é o que buscaban Biden e Boris Johnson cando escenificaron a sinatura dunha Nova Carta Atlántica o pasado mes de xuño en Cornualles. Pero a división interna occidental resultou igualmente clamorosa, coa relegación do outrora fulgurante binomio franco-alemán, humillado por un grupo de países do Leste en conivencia cos anglo-norteamericanos. 

En definitiva, en vez de unidade, o que amosa occidente é desesperación. Non resulta estraño, a Carta Atlántica orixinal, liderada por un progresista sen complexos como Roosevelt, defendía unha orde internacional alicerzada no respecto á soberanía das nacións e no dereito de autodeterminación das colonias, situando como obxectivos principais da humanidade a xustiza social e a paz mundial, conceptos incorporados máis tarde á Declaración das Nacións Unidas. 

Pola contra, a “nova carta” de xuño de 2021 redactouse de costas á ONU e os asinantes pretenden impor unha orde baseada en regras unilaterais coa intención de aplicalas contra as nacións non obedientes. Unha estratexia que forma parte do que o príncipe Andrés de Inglaterra rebautizou como o Novo Gran Xogo. Lamentabelmente, as provocacións irán en aumento, na medida en que as posibilidades de que dispón occidente para vencer a súa senil decadencia son cada vez máis reducidas. Asemade, os países non aliñados e a esquerda deberían decidir se permanecen pasivos e á defensiva ou enfrontan a situación.

Comentarios