Opinión

A verdade subxacente

Igual que ocorreu co final irremediábel do feudalismo (por anacrónico e contrario ao progreso social), o sistema neoliberal chegou ao límite racional do seu desenvolvemento histórico. O nivel de explotación social e de acumulación brutal de poder (económico, financeiro e político) nunha minoría ínfima levouno a unha vía sen saída. As desigualdades sociais e o latrocinio das elites xa son insoportábeis para a xente. Os desequilibrios entre países chegaron a un límite crítico. Por último, este sistema insaciábel xa non ten a onde expandirse, non hai territorios "salvaxes" que colonizar. En consecuencia, a redistribución xusta da riqueza e do poder (a democracia) xa non é posíbel nestas circunstancias de crise terminal.

Con este escuro panorama, algunhas "mentes preclaras" pensan que a solución está en someter Eurasia e facerse co control e explotación deses grandes países de riquezas insondábeis que son Rusia e a China, o Heartland do planeta. Unha posibilidade delirante, salvo que se lograse a súa implosión e posterior destrución. Se pensamos no enorme poder económico-militar deses dous países (blindado agora coa súa alianza estratéxica) ese obxectivo non só é unha loucura, é un suicidio. Pero aínda así, hai ilusos nas elites occidentais que pensan que é posíbel, e así chegamos á guerra de Ucraína. As continuas sancións e acoso a Rusia durante a última década tiñan por meta este desenlace.

Polo tanto, o problema non é Putin (ou Biden), o verdadeiro problema é un sistema neoliberal que se resiste a transformarse, dándolle paso a unha orde mundial de cooperación pacífica multipolar (convivencia entre sistemas políticos diferentes), e un sistema de seguridade colectiva equilibrado.

Incluso un inglés imperial partidario do Brexit, como o filósofo escéptico John Gray, o admite (a súa maneira) nun artigo en Newstatesman. É máis, cre posíbel que unha parte das elites europeas estean de acordo en cambiar o actual sistema mundial nacido da desaparición da URSS e non vexan mal a iniciativa de Putin en Ucraína. Outra cousa é que o disimulen con lágrimas de crocodilo. E pregúntase que vai pasar se se illa os rusos, advertindo que se cortan o subministro enerxético, de cereais, fertilizantes, etc., levaría á disolución dos mercados mundiais.

Gray, moi ben conectado co establishment británico, revela as contradicións e dúbidas das elites sobre o manexo da crise ucraína sinalando que o "tempo de finximentos e enganos xa pasou" e "salvar as vítimas da agresión e a tiranía moitas veces é imposíbel". Unhas declaracións sen desperdicio. Sobre todo, despois de coñecer que o "heroe" e "demócrata" Zelenski acaba de suspender a (11) partidos da oposición (en 2015 Kiev xa ilegalizara a esquerda comunista). A finais do ano pasado o mesmo Zelenski foi acusado nos Pandora Papers de ter centos de millóns de diñeiro ucraíno en paraísos fiscais. Ah, non o sabían? Este é o modelo de gobernante-país que apoia Occidente e polo que teremos que pagar máis caro as enerxías e os alimentos. Un pouco kafkiano, non? No entanto, mentres británicos e ianquis manipulan a Kiev no seu interese Europa segue á deriva.

Comentarios