Opinión

Vacinas, alta finanza e xeopolítica

Unha das certezas que deixou esta pandemia foi a irracionalidade do sistema neoliberal, fallando de forma estrepitosa naquilo que lle dá carácter: o mercado, co seu colapso indiscutíbel. Mais a voracidade das grandes corporacións é insaciábel e agora tócalle ás vacinas anti-Covid. Coma se nada tivese ocorrido, insisten na concentración da oferta e na exclusividade da súa distribución.

Baixo a batuta da cuestionada e contraditoria OMS, varias vacinas das grandes farmacéuticas foron instaladas inicialmente no sitial de honor para, finalmente, rectificar (levemente) a súa decisión. Aínda así, máis do 70% das que van en cabeza (fase 2 e 3) están controladas ou participadas por grandes fondos financeiros occidentais. Na última lista da OMS aparece a vacina de AstraZeneca en primeiro lugar, seguida da chinesa de CanSinoBio e a rusa do Instituto Gamaleya. O que sorprende desta clasificación é que a vacina da compañía sueco-británica e Oxford ocupe o lugar de honor despois dos polémicos ensaios con monos. Os resultados foron cuestionados en Forbes polo ex-profesor da Escola de Medicina de Harvard, W.A.Haseltine, sinalando que a vacina non funcionou ben nos macacos, ademais de denunciar a escasa transparencia dos ensaios. Iso non foi obstáculo para que autorizasen iniciar as probas en humanos e que a UE acordase a compra anticipada de 300 millóns de doses, sen contar algúns episodios graves nalgúns dos participantes nos ensaios (EEUU suspendeunos dende primeiros de mes). Ademais, esta e outras farmacéuticas néganse a asumir calquera reclamación legal por efectos secundarios non desexados (a pesar de seren financiadas con fondos públicos!). Non confían na eficacia das súas vacinas?

Mentres se relativizan (ou ocultan) estes feitos por gobernos e medios, iniciouse unha campaña tóxica contra a prometedora vacina rusa Sputnik V —avalada pola prestixiosa revista Lancet (e aínda que tarde, pola OMS)— á que se estigmatiza como a “vacina de Putin”. Antes fixérono con China. Por que esta guerra? A razón: trátase dun produto apoiado por capital público ruso coa colaboración de fundos soberanos chineses, asiáticos e africanos, e tamén de institucións públicas de Francia, Italia e Serbia. É dicir, fóra dos circuítos do capital financeiro internacional. Incluso, algunhas das farmacéuticas chinesas, como CanSino, teñen participación de capital occidental, dos mesmos administradores de fundos privados (BlackRock, Vanguard, State Street ou Fidelity, entre outros) que controlan a Big Pharma mundial (Pfizer, Moderna, Johnson and Johnson, Merck ou AstraZeneca, por citar algunhas das compañías máis avanzadas nesta carreira contra o coronavirus). Á parte de intentar evitar o despegue de Rusia e a consolidación de China no mundo pos-Covid, a actual campaña está dirixida a minar o prestixio dos competidores rusos no negocio farmacéutico e impedir a súa expansión comercial. A vacina rusa é igual ou máis fiábel (Lancet dixit) e moito máis barata que as das grandes farmacéuticas. Por desgraza, algúns percíbeno coma unha ameaza, en vez de algo positivo para a humanidade e a libre cooperación internacional.

Comentarios