Opinión

Unha década perdida

Despois de máis de dez anos de gobernos con maioría absoluta da dereita hai a oportunidade (electoral) este ano de cambiar as políticas anti-galegas e neoliberais que produciron a maior regresión en desenvolvemento social, económico e cultural do noso país. Aí está a dramática e inacabábel vaga de emigración da mocidade mellor preparada; a alarmante involución do idioma galego, cun continuado retroceso de falantes e marxinado no ensino baixo a cobertura dun falso plurilingüísmo; ou o desprezo pola produción cultural nos ámbitos da investigación histórica, da recuperación do patrimonio, o cinema, a literatura ou o teatro.

O impacto das políticas regresivas dos gobernos de Feijóo foi especialmente grave no medio rural galego onde a situación se torna crítica no ámbito demográfico, en parte consecuencia do ataque sistemático aos instrumentos de desenvolvemento económico creados polo goberno progresista do BNG-PSOE na Xunta de Galicia e ao progresivo deterioro, cando non eliminación, de servizos públicos básicos. Convén, pois, facer unha reflexión, moi oportuna neste momento, sobre o impacto desta década perdida poñendo en relación as actuacións da actual Xunta de Galicia coas realizadas no medio rural na época do bipartito, nun lapso de apenas catro anos. Vou referirme só a algúns dos logros daquel goberno a través dalgunhas medidas das consellerías de Medio Rural (CMR) e Industria (CI), pero a comparanza poderíase estender ao resto das consellerías, especialmente ás de Vivenda e Servizos Sociais e Igualdade.

Por exemplo, o Banco de Terras creado en 2007 posuía, un ano despois da súa posta en marcha pola CMR nacionalista, 6.722 fincas e 3.159 hectáreas rexistradas. Na actualidade, once anos despois, só dispón de 10.570 fincas e 5.461 ha, uns datos escuálidos que reflicten a desidia política da Xunta e o abandono dun instrumento esencial para o incremento da superficie agraria útil e a loita contra o abandono (en Galiza hai máis de 100.000 parcelas abandonadas). O mesmo se pode dicir da ordenación e explotación forestal. En 2008 puxéronse en marcha as Unidades de Xestión Forestal que lograron en apenas sete meses activar 35 proxectos que aglutinaban a case 15.000 parcelas e 2.500 propietarios. O goberno do PP derrogounas, sen agardar a avaliar os seus efectos, e a figura que as substituíu só puido activar dez sociedades en dez anos afectando a 3.469 parcelas e a menos de cincocentos socios. Por non falar do tamén derrogado (ilegalmente) Plan Eólico da CI que permitiría capitalizar o rural e fomentar a realización de proxectos de desenvolvemento comarcal dos que tan necesitada está a Galiza rural. Ou o liquidado plan de valorización enerxética da biomasa forestal residual, un ambicioso proxecto que permitiría diminuír o impacto dos lumes no noso monte mediante a mellora da silvicultura preventiva e a eliminación de mato perigoso na zona de protección dos núcleos rurais, ademais de crear postos de traballo. Só hai que facer unha sinxela proxección comparativa para decatarnos do que perdeu Galiza nestes anos. Hai que cambiar este goberno ou acabará co que queda de país.

Comentarios