Opinión

A última guerra do opio

A razón declarada da invasión de Afganistán por EUA en 2001, posteriormente apoiado por unha coalición nucleada pola OTAN, era vingar o ataque ás Torres Xemelgas de Nova York eliminando a Al Qaeda e ao seu líder Bin Laden, suposto cerebro do ataque, e de paso derrocar os talibán, os seus protectores. A trampa de todo este conto digno da factoría Disney era que, en realidade, Al Qaeda foi unha creación da CIA para loitar contra os soviéticos e, Bin Laden, un dos seus axentes sobre o terreo. O mesmo que os talibán, unha consecuencia do apoio do goberno de Jimmy Carter en 1978 a diversos grupos tribais, organizados e armados ata os dentes (cun costo de máis de 40 mil millóns de dólares) en colaboración con Paquistán. Un dos obxectivos iniciais da OTAN era crear inestabilidade na fronteira sur da URSS que apoiaba o goberno progresista e laico de Kabul. Pero a invasión de 2001, ademais de formar parte dun xogo xeopolítico contra Rusia e a China, encerraba un obxectivo estratéxico especial: controlar o tráfico mundial de opio en Asia central.

Ironías do destino, vinte anos despois da invasión, os EUA teñen que retirarse de forma vergoñenta (igual que a fuxida de Saigón en 1975) cos talibán de novo no poder e a China e Rusia máis fortes ca nunca. Como colofón, catro millóns de refuxiados e desprazados e máis de 150.000 mortos, 17 deles galegos entre as inútiles 100 baixas do exército español, o tributo hispánico a esa estúpida guerra neocolonial. Un desastre militar e humanitario sen paliativos que apenas merece a máis mínima autocrítica da civilizada Europa, quedando ao descuberto a gran mentira deste tráxico show: nunca houbo intención de “levar a democracia” a Afganistán neses vinte anos de ocupación. 

En troques, o legado máis relevante é o representado polo descomunal negocio arredor da durmideira (opio-heroína-morfina) controlado polos talibán-paquistanís, as forzas de ocupación (OTAN) e os cárteles da droga occidentais. Esa é a clave desa longa guerra, corroborada pola evolución do cultivo do opio nese país. Segundo a BBC, as menos de 70.000 ha de 1994 pasaron a máis de 350.000 na actualidade (o 95% da produción mundial de opiáceos), significando case 600 mil empregos e o 20% do PIB. Non obstante, a maioría dos 90.000 millóns de dólares estimados deste negocio ilegal vai parar ás escuras redes do narcotráfico mundial e aos fondos de réptiles da CIA. A conclusión deste despropósito é obvia: o que se perseguía coa invasión era controlar a produción mundial de opio, ademais de estimular a expansión do seu cultivo, algo imposíbel sen o consentimento dos EUA-OTAN, como sinalou a ex-parlamentaria afgá e loitadora social Malalai Joya. Quizais, por agora, os cárteles sigan controlando o tráfico ilegal a través dunha parte do conglomerado talibán-paquistaní, pero a China e Rusia serán decisivas no futuro dese país e as cousas poden cambiar de forma radical.

Con este humillante desenlace, ao senil Biden agárdanlle semanas moi complicadas. No interior, con Trump ao ataque e, no exterior, lidando co enorme malestar dos aliados da OTAN. Especialmente do Reino Unido (por que será?).

Comentarios