Opinión

Ucraína e o Start III, que cambia?

Resulta curioso que as advertencias máis serias á estratexia suicida da OTAN na Guerra do Leste proveñan de antigos asesores da CIA e do Pentágono, como James Rickard, que sinala (en Daily Reckoning) "EUA é líder na escalada imprudente ao subministrar artillería de largo alcance, baterías Patriot, intelixencia, vixilancia e agora os tanques [...] un camiño cara a guerra nuclear ou a desintegración da Ucraína". Dio un norteamericano próximo ao establishment, pouco sospeitoso de admiración por Putin, que se une a outros expertos e analistas ianquis.

A lúcida reflexión de Rickard, que sorprende pola súa escaseza nestes tempos,alberte  contrasta co rexeitamento pola UE da última proposta de alto ao fogo da diplomacia chinesa ou cos titulares habituais dos principais xornais dando conta do apoio cego dos dirixentes europeos á "democracia ucraína". Comprendería que se admirasen da combatividade dos seus soldados. Pero tamén de que todos os partidos políticos da oposición estean prohibidos e os seus medios e bens confiscados. Ou de que a corrupta nomenklatura ucraína estea divertíndose en Viena, París ou Londres mentres envían os seus soldados a unha morte segura. Ese é o modelo de democracia que debemos defender ata a ruína? Que mundo tan estraño, a heterodoxia racional e libre pensadora volve ser imprescindíbel.

Por iso, invítoos a escoitaren a intervención do deostado Vladimir Putin ante a Asemblea Federal Rusa, e que o fagan sen prexuízos políticos, ideolóxicos ou morais. Non foi a alocución dun louco enfurecido nin dun megalómano afastado da realidade. Máis alá das lexítimas discrepancias que cada quen poida ter co responsábel do Kremlin o que dixo foi perfectamente racional, indo ao fondo do problema (que ninguén quere escoitar).

O máis significativo da intervención de Putin aconteceu no ámbito da seguridade mundial anunciando (de forma inesperada) a suspensión (non o abandono) do tratado Start III, de redución (e control) das armas estratéxicas nucleares. Razoaba Putin, para que manter ese tratado despois de seren abandonados o Tratado de Mísiles Antibalísticos (ABM) por Bush (2002), o Tratado de Armas Nucleares de Alcance Intermedio (INF) por Trump (2019), ademais da interminábel expansión e implicación da OTAN na Guerra do Leste?

A decisión do Kremlin é un paso coidadosamente calculado. Unha declaración que debe lerse entre liñas (non tanto o que di como o que cala), cunha mensaxe clara a Occidente: como resposta á crecente implicación da OTAN haberá unha ampliación de obxectivos e posta en marcha de novos tipos de armas, sen as restricións do Start. Iso implica aproveitar ao máximo as vantaxes económicas e militares, tácticas e estratéxicas de Rusia. Por vez primeira (dende a Guerra Fría), Putin incluiría como obxectivos militares os arsenais nucleares de Francia e Reino Unido, ademais das bases ianquis en Europa. No caso dunha escalada temeraria da OTAN, Rusia consideraría o conxunto das ameazas, sen límites territoriais de ningún tipo.

E na Galiza hai varios obxectivos potenciais (Ferrol, EVA-10 do Barbanza...), unha escalada prexudicaríanos directamente. Preocupante.

Comentarios