Opinión

Turquía fronte ao abismo

A pesar de ser un dos primeiros países en integrarse na OTAN (1952), a clase dirixente turca —nostálxica do seu pasado glorioso— nunca renunciou a xogar un papel específico en Oriente Próximo, unha posición que se acentuou ultimamente coa política neo-otomá do presidente Erdogan. Unha das teimas recorrentes da Turquía moderna foi a reivindicación de antigos territorios, actualmente integrados en países como Siria, Iraq ou Grecia. A primeira demostración relevante dese afán expansionista foi a invasión dun terzo de Chipre en 1974 creando un problema interno no seo da OTAN ao entrar en colisión cos intereses de Grecia na illa. O impacto desa acción, ademais doutras desavinzas con Grecia, empantanou a súa estratexia de ingreso na Unión Europea avivando os enfrontamentos entre as elites turcas. Despois de estalar o conflito sirio, a facción da Irmandade Musulmá liderada por Erdogan creu chegada a oportunidade de iniciar a recuperación de “territorios históricos” anexionando unha parte de Siria (Idlib), baixo a escusa da “loita contra os terroristas”, ademais de intervir en Iraq contra os kurdos, confrontando con EE.UU. Pero coa entrada de Rusia na guerra siria, apoiando ao seu aliado Bashar al-Assad, o soño otomán de Erdogán ficou truncado de repente. O irreflexivo derrubo dun avión militar ruso por Turquía e as conseguintes sancións de Moscova precipitaron o país otomán nunha grave crise económica e política. Simultaneamente, agraváronse os problemas internos desembocando en 2016 nun intento de golpe de estado militar promovido por EE.UU. Nesa grave tesitura, Erdogan realizou unha reviravolta táctica enormemente arriscada acercándose a Rusia, asinando acordos nos ámbitos económico e militar. O novo rumbo culminou de forma solemne nos acordos de Sochi, en 2018, comprometéndose con Putin a crear unha zona de distensión en Idlib e contribuír ao final da guerra en Siria.

O problema de Erdogan é que o acordo con Rusia implica respectar a soberanía de Siria, algo que entra en contradición co seu discurso interno pro-otomán e de apoio ao terrorismo pro-turco en Idlib. Finalmente, a ofensiva do exército sirio o pasado mes de febreiro para reconquistar esa zona e liberala de xihadistas puxo a Erdogan fronte ao espello. A morte de soldados turcos demostrou de forma incontrovertíbel que Turquía non só non estaba cumprindo os acordos de Sochi, senón que se encontraba implicada cos continxentes terroristas que se comprometera a eliminar. Así as cousas, Erdogan realizou outro salto mortal e optou por unha fuxida cara adiante, iniciando unha contraofensiva militar en Siria intentando impoñer o seu statu quo nese país, e invocando o apoio da OTAN. Pero o “sultán” Erdogan ten moitos inimigos en occidente e o bloque militar non é probábel que se deixe arrastrar polo temerario e cambiante presidente turco. E Rusia tampouco vai tirar pola borda o seu éxito contra o ISIS renunciando á súa influencia estratéxica en Siria. A única alternativa seria de Erdogan é non enfadar a Putin e asumir que o imperio otomán xa non existe. Iso ou Turquía corre o risco de ser o próximo estado falido da zona.

Comentarios