Opinión

Türkiye

Hai múltiples acontecementos que revelan a decadencia imperial de Occidente, pero quizais algúns dos máis salientábeis pola súa transcendencia xeopolítica serían os que se están a producir no amplo Oriente Próximo. Alén dos últimos movementos de Arabia Saudita, ata hai ben pouco fiel seguidora de EUA e na actualidade próxima á alianza Brics+, destaca o papel disonante de Turquía, o país da OTAN no continente euroasiático co territorio máis extenso, o máis habitado e co exército máis potente, pero sometida a presións crecentes de EUA, incluso cun golpe de estado contra o demasiado "independente" presidente Erdogan en 2016.

A súa situación xeográfica levou o destacado politólogo norteamericano Zbigniew Brzezinski a designala como pivote xeopolítico (xunto á Ucraína, Irán e Corea do Sur), vital para o mantemento do poder imperialista de EUA. Se lembramos que Irán xa está plenamente fóra da influencia occidental e Ucraína en transo de desaparición como estado real, é fácil deducir o que se está xogando Occidente, segundo resulte finalmente a orientación internacional turca.

Dende finais da II Guerra Mundial unha parte significativa das elites turcas sempre foron pro-occidentais, propiciando o ingreso na OTAN xa en 1952 ao abeiro da anti-comunista doutrina Truman que premiou os turcos con enormes axudas económicas e militares. Obxectivo, apartala da influencia da Unión Soviética, unha amizade cultivada inicialmente polo nacionalista Mustafá Kemal Ataturk, fundador do estado turco.

Ao tempo, non hai que esquecer que o propio nacemento da Turquía moderna foi o resultado da loita de liberación nacional contra as potencias occidentais ocupantes ao final da primeira gran guerra como consecuencia da derrota do Imperio Otomán. O movemento nacionalista turco nace para enfrontar unha realidade complexa: as elites do antigo imperio, os ocupantes coloniais occidentais, ademais dos conflitos territoriais con Grecia e as minorías kurda e armenia. Simplificando, isto explica que unha parte desas friccións históricas aínda permanezan no presente, especialmente o conflito con kurdos e gregos, creando enormes contradicións no seo da OTAN, ademais de impedir o seu ingreso na UE. Tamén xurdiron problemas internos coa crecente influencia dos islamitas fronte ao laicismo kemalista dando lugar a golpes de Estado no pasado e a unha diversidade partidista na que o CHP (o partido de Ataturk liderado na actualidade por K. Kiliçdaroglu) foi virando cara a unha socialdemocracia pro-ianqui fronte ao mundo multipolar que defenden os partidos nacionalistas, como o AKP de Erdogan ou a Alianza Ancestral que ten de candidato presidencial a Sinan Ogan.

A maioría de Erdogan no Parlamento e a terceira posición de Ogan nas eleccións presidenciais do pasado domingo auguran, na segunda volta, unha vitoria cómoda para Erdogan fronte ao pro-occidental Kiliçdaroglu, cunha posíbel intensificación da viraxe cara o leste en materia económica (BRIC+). Incluso podería ser posíbel a solicitude turca dun futuro posto de observador na Organización de Cooperación de Shanghai, vital para os intereses euroasiáticos de Turquía.

Comentarios