Opinión

Entre turbulencias e esperanza

O ano que comeza pode revelarse como esencial para acelerar os cambios que se observan a nivel mundial, onde o declive do liderado neoliberal —mergullado nas súas agresivas receitas de violencia e espolio das riquezas alleas— está facendo abrollar a rebeldía pola profundidade da brecha entre ricos e pobres, o incremento da desigualdade e a inxustiza. Os síntomas están por todas partes. En Latinoamérica, coa loita de miles de cidadáns fronte ao latrocinio de séculos das oligarquías locais e internacionais. Ata a civilizada Francia, coas multitudinarias e continuadas mobilizacións populares contra a alza dos combustíbeis e outras medidas antisociais que debilitan o estado do benestar.

Este vai ser un ano clave tamén nos Estados Unidos, cunhas eleccións presidenciais en novembro e Trump en pleno proceso de impeachment. Nese país hai unha guerra civil larvada entre o establishment neoliberal demócrata-republicano e o equipo proteccionista-tradicionalista do magnate. Por agora, os enfrontamentos dirímense na periferia colonial, como sucedeu co asasinato en Iraq do carismático xeneral iranio Qasem Soleimani. Unha estraña (calculada?) operación, que conseguiu o efecto contrario en Oriente Medio, unificando o mundo musulmán e, quizais, sentenciando a fin da presenza occidental na zona.

A situación é tamén preocupante no Estado español. O errático Pedro Sánchez formará Goberno, pero non o terá doado cunha caverna tridentina (e tridente) madrileña desbocada. O acordo PSOE-ERC facilita a formación de Goberno, pero xera moitas dúbidas pola debilidade intrínseca de Sánchez. Hai interrogantes sobre o futuro do “procés” e da alianza independentista catalá, dividida entre os “pragmáticos” de Junqueras e a liña dura de Puigdemont, afianzada coa lunática sentenza da Xunta Electoral. A situación interna do PSOE non é mellor, coa proliferación de voces críticas das baronías rexionais, e especialmente da vella garda xacobina de Suresnes, contrarios a calquera avance político que favoreza a Catalunya.

Galiza tampouco escapa ás turbulencias. A década de Goberno do PP, liderado por Feixoo, conduciu o país a unha preocupante regresión socio-económica, apenas disimulada pola maquillaxe estatística. Un dato moi grave é a caída dun 25% de poboación activa na faixa de 25 a 34 anos dende 2014, consecuencia da debilidade dun tecido produtivo incapaz de darlle saída laboral aos mozos de nova incorporación, provocando a maior taxa de emigración da xeración mellor formada. Outro dato demoledor: o emprego eventual e interino representa máis do 55% da poboación ocupada e a xornada a tempo parcial o 36%, situando a temporalidade real e o traballo precario como os reis do mercado laboral. Un fracaso sen paliativos, con graves consecuencias para a economía, a calidade de vida e o futuro do propio país. Neste contexto, as eleccións galegas de 2020 representan unha oportunidade para cambiar as cousas. Porén, congratulándonos co renacemento do BNG, será imprescindíbel un maior reagrupamento do campo nacionalista, non só para gañar as eleccións, senón para ter suficiente influencia nun indispensábel Goberno de progreso.

Comentarios