Opinión

A trampa da transición enerxética

O disparo exponencial do prezo da enerxía eléctrica e dos hidrocarburos nos últimos meses resulta moi revelador sobre a viabilidade do plan de transición enerxética da UE. A quen beneficia realmente este plan: ao planeta, á xente ou aos especuladores financeiros? Ao planeta non, porque a contaminación non baixa; á maioría dos seus habitantes tampouco, porque non van poder pagar a factura enerxética. En cambio, os que negocian coa enerxía e o CO2 estanse facendo de ouro, sen importarlles o impacto social que crean as súas manobras especulativas.

Entre tanto, o asedio enerxético está poñendo contra as cordas a moita xente, coa economía gravemente ameazada polo peche de industrias cuxa viabilidade depende dun prezo accesíbel do quilovatio hora. Non obstante, non parece que a UE ou o goberno do Estado (cos seus parches momentáneos) teñan a máis mínima intención de poñer en cintura ás eléctricas. Non sorprende, foi o PSOE de Felipe González quen iniciou en 1988 a privatización de Endesa (que continuou con Aznar e Zapatero).

Do mesmo teor é o FMI que insiste en que o disparo dos custes da enerxía “non debe desacelerar a transición cara a unha economía máis verde”. Cool. Non se trata de non facer a transición, senón de que sexa xusta e realista. Precisamente, o problema reside en que esta “transición” non subministra alternativas viábeis a curto e medio prazo para a maioría das economías mundiais, criticamente dependentes dos combustíbeis fósiles. Incluso o Reino Unido, o principal promotor da “transición verde”, viuse na obriga de substituír hai uns días as locomotoras eléctricas polas diésel. A transición debe ser para o 99%, senón non é unha transición, é un crime.

O fracaso é tan evidente que Ariel Cohen, un analista de Forbes e membro do Atlantic Council, recoñece que a actual crise enerxética é froito dunha letal combinación de “arrogancia” europea e decisións apresuradas. Unha delas, de carácter mercantil: non ter previsto unhas reservas de gas suficientes (americanas!) negociando con contratos de larga duración, de prezos moito máis baixos, en vez de inclinarse polo mercado ao contado, que se incrementou no último ano en máis do 500%. Porén, o principal paradoxo é que as políticas enerxéticas da UE están condicionadas polos prazos da “transición” e iso implica eliminar as centrais de enerxía nuclear, de carbón e de gas, sen decatarse da debilidade do pack de enerxías verdes. É dicir, non se preveu o atraso tecnolóxico en enerxías alternativas fiábeis, con imponderábeis como a falta de vento (eólicas) e de sol (fotovoltaicas) xerando déficits enerxéticos e inseguridade. Non se pode xogar aos dados coa enerxía.

Conclusión: a transición enerxética decidida pola alta finanza e os “sabios” das organizacións internacionais foi tan pouco rigorosa como precipitada. Pero hai algo máis. Alguén está interesado en danar o tecido produtivo de países competidores, deficitarios en gas, como os europeos e a China, ademais de intoxicar. Un dato: EUA reduciu as subministracións a Europa. Porén, Rusia incrementounas, pero na UE e nos EUA bótanlle a culpa aos rusos da suba da electricidade.

Comentarios