Opinión

Tiranía bancaria

Non hai día que non vexa filas de xente facendo cola (á intemperie) ás portas das entidades bancarias. Un feito que non se debe só (nin principalmente) ás medidas de distanciamento social impostas pola pandemia. A razón é moito máis sinistra: o número de puntos de atención na maioría das entidades bancarias reduciuse ao mínimo, o mesmo que o horario de atención, limitado a pouco menos de tres horas diarias nas operacións con efectivo. Unha auténtica provocación que se suma ao roubo das comisións abusivas, e o goberno subministrándolle cobertura legal a esta agresión. A bancarización da economía deixa os cidadás sen resortes legais e sen defensa fronte ao comportamento criminal do monopolio financeiro. Non obstante, esta obrigatoria socialización da banca (obriga xeral de depositar os aforros nesas entidades para facer todo tipo de pagos) sería a razón definitiva para a súa nacionalización.

Mírese por onde se queira, a dexeneración deste servizo excede todos os límites razoábeis. O outro día un amigo meu tivo que agardar máis dunha hora a que unha oficina dunha importante entidade bancaria da vila o atendese. Entre tanto, gardando cola no interior con oito persoas diante (e outras tantas na beirarrúa). Á irritante parsimonia do persoal de atención ao cliente, despreocupado (dende o director ata o caixeiro) do frío e da incomodidade manifesta pola longa espera a que eran sometidos os seus esforzados clientes, aínda houbo que engadir a absoluta falta de respecto do empregado de quenda como se o banco lle estivese facendo un favor aos veciños: que usen o caixeiro automático! Que tempos aqueles das "caixas" e do seu esmerado servizo de atención persoal. É certo que esta penosa situación se debe á política da patronal bancaria de espremer a clientes e empregados, pero non é menos certo que estes non poden descargar a súa ira nos veciños e veciñas da vila por mor da explotación a que están sometidos. Non señor. O malestar da cidadanía con este despropósito é extraordinario, non hai máis que escoitar os exabruptos da clientela exasperada con este incívico e evidente maltrato.

Esta estratexia bancaria de ningunear á cidadanía concorda cos re-inicios derivados da pandemia formulados polas elites, aos que me referín na miña anterior columna. A transición dixital, igual que a enerxética e a social, queren impoñelas aínda sabendo que non hai condicións obxectivas para poñelas en marcha, salvo se é para beneficio exclusivo do gran capital e en contra da maioría da sociedade. Trátase dun acto de agresión consciente, que debería ser respondido con contundencia pola sociedade civil e polas organizacións de esquerda nos concellos, nos parlamentos e na rúa.

A dexeneración dos servizos nalgúns ámbitos (sanidade, banca, xustiza, seguridade...), sen resposta social-progresista adecuada, só beneficia á extrema dereita. O malestar causado por estas "micro-agresións" acaba dexenerando nun odio irracional e o reclamo de medidas drásticas (o meu amigo oíulle dicir a algúns sufridos clientes da cola bancaria que a única solución era unha "ditadura"). Un terreo fértil para as "solucións definitivas".

Comentarios