Opinión

Tensión estratéxica EEUU-China

Dende hai un tempo vénse fraguando a formación dun novo paradigma xeopolítico mundial, un sistema multipolar ao redor dunhas poucas superpotencias, onde a dialéctica entre os modelos de hexemonía ou cooperación irá determinando o escenario dos próximos anos. Porén, antigos xogadores globais, coma EEUU, néganse a abandonar o podio intentando manter a ficción de que todo segue igual. Aceptar a decadencia resulta demasiado traumática para algúns e as elites están divididas entre os que recoñecen que deben acomodarse á nova situación, e aqueles que non están dispostos a aceptar sen máis o seu destino de iguais nun futuro posneoliberal —en calquera caso postoccidental— máis ou menos próximo.

Por outra parte, a proximidade das eleccións presidenciais de novembro e a difícil situación de Trump, acosado por unha xestión ineficaz da pandemia, xunto á gravidade dos conflitos raciais, está levando algún dos actores da Casa Branca a designar a China como o Gran Diaño, intentando desviar a atención cara ao inimigo externo, artimaña que sempre deu bos resultados na política americana. O problema é que a alguén se lle vaia a man e acabe todo nun conflito distinto do que algúns planean.

Non obstante, hai grupos hexemonistas clásicos, como o sector que representa o secretario de estado Mike Pompeo, decididos —cunha estratexia de longo percorrido—a frear o país asiático na súa imparábel carreira ao podio mundial como líder económico, científico e militar do planeta. Non hai dúbida, despois da alianza sino-rusa, de que o novo bloque euro-asiático ten a vontade de converterse nun referente que marque o rumbo do século XXI, unha necesidade estratéxica de Rusia e a China fronte ao sistemático acoso occidental, especialmente dos EEUU e Reino Unido. En cambio, en competencia con Pompeo, o núcleo máis próximo a Trump está máis interesado en manter a tensión por cuestións tácticas de tipo electoral. Porén, non está clara a correlación de forzas interna no equipo presidencial. Ademais, non debemos esquecer que o neoliberal Partido Demócrata é abertamente hostil coa China e coincide co flanco neo-conservador republicano en debilitar o poderío tecnolóxico chinés comezando polas comunicacións 5G. Á espera da posición definitiva da UE, esta circunstancia sinalaría que, máis alá do gañador das eleccións de novembro nos EEUU, estariamos ao inicio dunha nova época de confrontación xeopolítica este-oeste.

Secasí, a orientación definitiva deste conflito xeoestratéxico non se coñecerá ata que se resolva a confrontación electoral e o sector triunfante poida executar a súa política con plena autoridade. Entre tanto, a China conta con defensas poderosas no ámbito económico que os EEUU non pode obviar, como é a súa enorme reserva de divisas en dólares. A utilización desa arma podería causar un terremoto de consecuencias económicas tan catastróficas para os EEUU e a economía do planeta coma unha guerra mundial. Ninguén debería estar interesado nese cataclismo, incluso a China, salvo que o sector neoliberal máis desesperado perda definitivamente o norte e a UE non xogue as súas bazas a favor da cooperación pacífica mundial.

Comentarios