Opinión

Submisa indecisión

No actual conflito con Rusia hai un esforzo obsesivo dos países da UE por aparentar unha total coincidencia coas iniciativas dos EUA. Salvo a aberta disidencia húngara ou, antes da "invasión rusa", as opinións máis ou menos autónomas de Francia e Alemaña, dende febreiro deste ano non é habitual que transcenda ningunha crítica pública (en privado é moi diferente) que cuestione a estratexia dos amos da OTAN e da UE.

Non obstante, a pesar das obrigadas carantoñas de submisión (voluntaria ou forzada) resulta imposíbel algunhas veces obviar a magnitude dos agravios propinados polo poderoso "amigo americano". Isto é o que sucede con Francia, como xa tivemos ocasión de referirnos noutra columna, cada vez máis consciente de que lle tocou o desagradábel papel de vítima de escarnio e mofa ao estilo da memorábel Le Dîner de cons. A situación é tan insostíbel que nunha entrevista a Le Parisien o pasado fin de semana, a ministra de Asuntos Exteriores Catherine Colonna atreveuse a manifestar o que comeza a ser unha habitual cantilena (con sordina) nas chancelerías europeas: "Europa necesita unha maior autonomía a respecto de EUA". Incluso o volúbel e pintoresco goberno alemán tamén se decata da necesidade de diversificar as relacións, coa recente viaxe de Scholz a Beixín. Por certo, Xi Jinping lembroulle que seguir cegamente a política de bloques americana non o levará a ningún sitio.

Algún movemento na dirección correcta? Quizais. A queixa de Colonna vén precedida das duras declaracións de Macron da semana pasada cando reclamou no palacio do Elisio un "espertar europeo" fronte á Lei americana de Redución da Inflación, acusando a EUA de que esa lei "anula a competitividade dos nosos produtos, non está en liña coas regras da OMC e non é amigábel". Macron non quedou aí, acusou a EUA de "vendernos o gas a prezos altísimos", ademais de afirmar que "se queremos manter a seguridade de subministro nas cadeas de valor... necesitamos un achegamento en materia de soberanía a escala europea". Fantástico, pero de nada serve se non se traduce en deixar de ser cativos dos ianquis e non permitir sabotaxes como as de Nord Stream, por exemplo.

Máis grave aínda, o WSJ informou que varias empresas europeas, fabricantes de aceiro, fertilizantes, etc., se estaban trasladando a EUA, explicando que a causa desa fuxida empresarial estaba no forte aumento do prezo do gas en Europa. Como exemplos citaba a empresa de xoiería danesa Pandora A/S e a Wolkswagen, cos seus negocios en EUA en plena expansión. Pero hai moitas máis que os ianquis ansían recibir cos brazos abertos. Esa é a idea de "solidariedade" que ten Washington.

A economía aprema e o malestar social e político aumenta, cando se vai reaccionar a esa OPA ianqui hostil? Un dos problemas de todo isto é que co grave deterioro da economía a curto e medio prazo as chamadas axudas europeas aos países do sur corren un grave perigo. Porén, Pedro Sánchez, Feijóo e algún máis só se quedan na superficie dos acontecementos (recibir da Comisión Europea as axudas sen cumprir coas condicións burocráticas que impón Bruxelas). Que grandes estadistas temos!

Comentarios