Opinión

Sombras de novembro

2020 vai pasar á historia pola pandemia, pero hai outros eventos que marcarán o futuro do planeta cunha intensidade parecida ao coronavirus. Refírome especialmente ao resultado e consecuencias das eleccións presidenciais norteamericanas do próximo 3 de novembro. Mentres tanto, o complexo contexto interno preelectoral e a explosiva situación internacional xogarán de forma extraordinaria nas decisións que se tomen nos próximos meses de setembro e outubro. Antes da Covid, a elección de Trump estaba cantada, pero neste momento as graves difi cultades sanitarias e económicas e a continuidade do confl ito racial, sitúa a elección presidencial moi complicada (pero non imposíbel) para os republicanos.

En canto ao tándem demócrata Biden-Harris, só podemos dicir que as súas posibilidades están ligadas aos erros ou “acertos” (futuros) de Trump. Tal é o pouco entusiasmo que xera o neoliberal vicepresidente de Obama, un personaxe gris cuxo mérito máis destacado é o de facerse pasar polo que non é: un progresista disposto a mellorar a vida de millóns de traballadores americanos. En canto á ex fi scal Kamala Harris, suposta progresista da minoría afro-hindú, non é, precisamente, famosa polas súas actuacións a favor dos dereitos democráticos. Máis ben ao contrario, como a de recorrer unha sentenza que declaraba a pena de morte inconstitucional. Tamén por cambiar de posición sobre a legalización da marihuana e de ocultar probas coma fi scal que permitiron a condena a setenta anos de prisión dun probábel inocente. De Harris sábese que cambia de opinión con frecuencia, como pasar de defender un sistema nacional de sanidade público, coma propuña Sanders, a optar por un modelo onde prevalecen os seguros privados. No plano internacional, Harris é unha fervente pro israelí opoñéndose a unha resolución das Nacións Unidas que condenaba os asentamentos ilegais nos territorios palestinos ocupados. E Biden? Afeccionado ao magreo non consentido, é un simple continuador das políticas de Obama-Clinton: seguir co proxecto neoliberal de guerras sen-fi n, enfrontamento coa China e nula efectividade na loita contra o racismo (en moitos estados demócratas a violencia racial é extremadamente alta, coma Minnesota onde foi asasinado George Floyd). Neste contexto, non observo a vantaxe práctica das políticas demócratas fronte a Trump, salvo en cuestións de formalismo verbal e de cosmética televisiva. Pura impostura electoral. En canto a Trump —un típico conservador, homófobo e misóxino— sabemos que está a favor da relocalización de empresas e dun grande investimento en infraestruturas, contención da China e contra Wall Street. Se non hai ningunha sorpresa, a súa proverbial torpeza no manexo da pandemia e da crise racial levarao de volta á súa casa de Nova York. Pero o grave deste asunto son, precisamente, as sorpresas. Coma a provocación dalgún incidente no Mar de China ou un intento de invasión de Venezuela a través de Colombia, co obxecto de darlle a volta ás enquisas. Tamén pode que a sorpresa veña da man da vacinación masiva en outubro para amosar a súa faciana “humanitaria” e de efi caz xestor. Moitas sombras.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios