Opinión

Saír do labirinto

Un dos problemas da sociedade actual é o seu maioritario conformismo, tanto no político-administrativo como no económico. Soporta estoicamente o incumprimento sistemático dos programas electorais, as inacabábeis vagas de desemprego e precariedade ou as abusivas subas do recibo de servizos básicos como a enerxía eléctrica. Mesmo se resigna ao continuo saqueo (individual e colectivo) da banca privada, instalada na seguridade do seu monopolio financeiro e de “servizos” monetarios. 

Sen dúbida, a maioría social pensa que vive no mellor dos mundos posíbeis. Incluso, algúns apadriñan caritativamente nenos de “países pobres”, os mesmos que o complexo Banca-Transnacionais-OTAN explota sen piedade na periferia capitalista (pero permitindo que as ONG que eles mesmos promocionan “salven” uns poucos). 

Como desvelar esta absurda impostura? Comezando por desmontar o espellismo do “mellor dos mundos posíbeis”. Formalmente, a economía clásica capitalista consideraba fundamental o papel regulador do estado, mentres os rentistas (grandes terratenentes e financeiros) deberían ser clases a extinguir, uns elementos parasitarios que gravaban inutilmente os prezos sen beneficiar o conxunto da sociedade. En troques, para os neoliberais esa recua de especuladores e prestamistas son as forzas reitoras; quen sobra é o sector público e o estado, salvo para acudir ao rescate (das elites) cando o consideren necesario. Disparatado, pero iso é o que hai, o colmo da perversión económica, social e política. En definitiva, a época iniciada no século XIX, baseada nunhas democracias parlamentarias liberadoras da tiranía dos terratenentes e da avarenta finanza internacional, está nos seus estertores finais. Ao final ocorreu exactamente ao revés, e agora os señores neofeudais (na apoteose do seu poder) queren reverter as reformas democráticas do XIX-XX e volver á situación anterior ao capitalismo, pero con IA, 6G e ordenadores cuánticos, convertendo en servos ao 99% da poboación, por outra parte demasiado numerosa e disfuncional para os seus designios. Ese é o “mundo feliz” que nos teñen preparado.

Segundo Michael Hudson, un recoñecido experto en economía internacional, a resposta a esta loucura suicida debería ser a divulgación (do éxito) doutros modelos socio-económicos: hai alternativa ao caos neoliberal, incluso dende a óptica da economía clásica. En vez de imprimir masivamente máis papel moeda (para dopar a gran banca e seguir roubando), Hudson sinala que “unha economía eficiente debe ter banca estatal, minimizar a actividade non derivada do traballo (a financiarización), regular os monopolios, fomentar os servizos e infraestruturas públicas, gravar as ganancias de capital e cancelar a débeda”. Un modelo cooperativo, como sinalaba John F. Nash. Para Hudson (Universidade de Hong Kong) o modelo máis próximo sería o chinés, algo lóxico para ese economista na medida en que o socialismo (incluso o chinés) non sería máis que a culminación lóxica (e positiva) da economía clásica. Mutatis mutandis, os demais tamén deberiamos crear o noso propio modelo. Cada país o seu, nun mundo cooperativo. Ese é o reto.

Comentarios