Opinión

Rusia toma a iniciativa estratéxica

O recoñecemento por Putin das repúblicas do Donbass colleu a moitos co pé cambiado. Porén, non debería sorprender a ninguén que Rusia se cansase do ninguneo de occidente durante máis de tres décadas. Xa en 2007 Putin advertiu na Conferencia de Munich que non se podía configurar a seguridade mundial en base aos criterios exclusivos da OTAN e o desprezo de grandes países como Rusia. Non lle fixeron caso. Agora occidente quéixase de que a declaración de Putin atenta contra o dereito internacional. E que pasou (ou pasa) en Serbia, Iraq, Afganistán, Libia, Siria, Sudán, Malí, Etiopía, Iemen...? Non se pode esixir o cumprimento das normas internacionais só cando lle interesa a unha das partes. Podemos discrepar nas formas, incluso non simpatizar con Putin, pero non se pode acusar a Rusia de falta de paciencia ao longo das últimas décadas.

O desprezo polos intereses de Rusia continuou ata hai dez días, negándose occidente a aplicar os Acordos de Minsk. Antes, rexeitaron todas as demandas rusas para estabelecer un novo sistema de seguridade en Europa, e rematar coa expansión dun bloque militar (OTAN) dirixido contra ela. Por iso, Rusia decidiu actuar, e a declaración de Putin do pasado 21 de febreiro vai pasar a historia como o inicio de facto dun sistema multipolar, cunhas regras que haberá que re-escribir entre toda a comunidade internacional. O mundo cambiou e a ONU deberá reformarse, igual que o resto dos organismos internacionais. Esta é a outra cara da moeda do declive neoliberal e da decadencia dos EUA.

E a UE? Non soubo xogar un papel independente e agora quéixase de que Putin rachara os Acordos de Minsk. Despois de sete anos sen preocuparse de facelos cumprir, desprezando a Rusia e, incluso, alentando a Ucraína ao seu incumprimento. Que vai facer agora Alemaña, máis sancións, suspender o gasoduto NS2? Non lle arrendo as ganancias, Rusia está afeita a esa política e ten a quen venderlle o seu gas.

A rusofobia inducida é a razón que está na base de todo este embrollo. En 1904 un xeógrafo do Imperio británico, Halford J. Mackinder, determinou que a zona interior de Eurasia, formada por Europa do leste, Rusia e o norte da China era o corazón continental do planeta (o Heartland). Quen dominase ese vasto territorio dominaría o mundo. Unha idea aínda vixente nos estrategos anglo-norteamericanos.

A lóxica de Mackinder baseábase en que a única dificultade do Imperio Británico para dominar o mundo, alén dos mares, era esa enorme zona terrestre rusa interior inalcanzábel para a Royal Navy. Por iso, era crucial manter Europa separada de Rusia rodeando militarmente a súa periferia e rendela. Coa caída da URSS case o conseguen, se non fose polo rexurdimento nacional ruso liderado por Putin. Por iso, había que fabricar unha imaxe perversa de Rusia e proceder ao seu illamento internacional.

O problema é que o oriente actual (Rusia-China) é máis poderoso que o decadente occidente anglosaxón, e a Rusia non lle quedou outra alternativa que situar Europa diante do espello e instala a asumir a nova realidade xeopolítica. Aceptar a conveniencia da coexistencia levará tempo, pero non hai alternativa.

Comentarios