Opinión

O rural ourensán esmorece sen remedio

O modelo de desenvolvemento da dereita está conducindo á Galiza rural a un punto de non retorno. Dá a sensación de que a única estratexia do Goberno autonómico é deixar morrer a xente que aínda queda nas vilas e aldeas coa esperanza de, unha vez alcanzado ese macabro obxectivo —e polo que se ve, incluso moito antes—, eliminar servizos e infraestruturas e dedicar os excedentes á prioridade favorita dos neoliberais: o pagamento dos xuros e a amortización da débeda, en consonancia co famoso artigo 135 da Constitución Española. Unha política letal para o desenvolvemento económico e o benestar social.

O rural ourensán padece esta estratexia xenocida dunha maneira especialmente dramática. Os datos subministrados polo IGE referidos a 2018 son elocuentes: os índices de envellecemento e dependencia senil representan o 150% e o 134%, respectivamente, da media galega. A esta situación calamitosa hai que sumar a ausencia de recambio xeracional e un ritmo de regresión demográfica galopante, duplicando a do resto do país, nun proceso imparábel de baleirado das comarcas periféricas.

Pero o declive demográfico non ocorre por unha sorte de maldición bíblica. Os profesores da USC López Iglesias e Pérez Fra (Foro Económico de Galicia 2017) sinalan que tal realidade non é máis que o resultado das debilidades na base económica e no acceso aos servizos das áreas rurais. E, no caso ourensán, incide de forma especial o drástico abandono da actividade agraria e o escaso desenvolvemento industrial, producindo o cadro demográfico extremo que se acaba de describir.

Hai que mellorar as oportunidades de emprego e garantir o acceso aos servizos

Para frear esta desfeita hai que mellorar as oportunidades de emprego, e garantir o acceso aos servizos, unha estratexia que debería figurar inescusabelmente entre as prioridades da Xunta de Galiza. Porén, os feitos amósannos todo o contrario, e citarei como exemplo o que acontece nunha das comarcas máis senlleiras do sueste ourensán. En Verín, cun paro oito puntos por encima da media, carécese de solo industrial axeitado, unha anomalía que obstaculiza extraordinariamente as iniciativas dos emprendedores e o desenvolvemento, desencadeando a emigración como única saída. O caso é que a maioría dos terreos para a dotación do novo polígono industrial estaban expropiados á altura de 2009 polo bipartito. Feixoo comprometérase en 2011 a executar o parque empresarial en varias fases e a telo rematado en 2019. Despois de aprobar oficialmente a dotación correspondente, finalmente, a Xunta decidiu retirar as partidas e abandonar o parque sen ter iniciado nin a primeira fase. Unha estratexia letal que continúa co intento de desmantelar a sala de partos e outros servizos do hospital comarcal. Unha simple cuestión de azar?

As comarcas necesitan apoio para o seu desenvolvemento, pero están abandonadas á súa sorte. Para loitar contra o quecemento global e xerar emprego de calidade, Feixoo debería primar o consumo de produtos de proximidade. Para iso compre elaborar plans de desenvolvemento económico en colaboración coas Administracións locais e dotalos con fondos públicos para a promoción de proxectos ligados ao territorio. É a última esperanza, pero vaino facer este Goberno da dereita?

Comentarios