Opinión

A roda dialéctica da historia

O economista Michael Hudson acaba de explicar nun artigo a dimensión dos cambios que se aveciñan no marco do conflito entre un Occidente desesperado e en devalo e os países de Oriente que lideran o mundo multipolar emerxente. Para Hudson a actual crise mundial ten un alcance sistémico e civilizatorio, só comparábel a outros grandes cambios experimentados pola humanidade en épocas pasadas.

O análogo histórico da crise xeopolítica actual sería o Gran Cisma de 1054 cando León IX excomungou a Igrexa Ortodoxa de Constantinopla. A razón, o reclamo polo patriarcado de Roma dun control unipolar sobre toda a cristiandade fronte ao poder compartido cos antigos patriarcados de Oriente (Alexandría, Antioquía, Constantinopla e Xerusalén) e así garantir (baixo unha coartada relixiosa) o total dominio militar sobre as riquezas de todo o orbe cristián. O fracaso desa estratexia esixiu de Roma a adopción dunha serie de medidas de forza para manter baixo o seu control a todos os reinos occidentais e poder reclamar o dereito a cobrar tributos e recibir financiación de todos eles.

Para iso, era necesario subordinar os reis seculares á autoridade terreal-relixiosa papal e asegurar o seu poder sobre Europa baixo a ameaza dos exércitos pontificios e aliados. Ese proceso culminouse en 1075 baixo Gregorio VII coa redacción dos seus Dictatus Papae, un decreto político-relixioso de 27 cláusulas que sentaba as bases dogmáticas do papado romano: o papa é o señor absoluto da Igrexa e do mundo, por encima de cardeais, bispos, príncipes, reis e emperadores, xunto ao axioma de que a Igrexa romana non erra nunca. Non cabe máis que a submisión absoluta ou a condena eterna.

Para Hudson a envergadura dese cisma medieval garda un sorprendente paralelismo coa crise sistémica actual entre Occidente e Oriente. O antigo Dictatus papal sería homologábel á críptica "Orde Baseada en Regras" da diplomacia norteamericana. Ou sexa, impoñer mediante unha cruzada económica e ideolóxica, unha unión occidental ferreamente sometida á dominación imperial de EUA. Igual que no medievo, a diplomacia estadounidense reclama o dereito a designar quen debe gobernar en cada estado (lembremos a Guaidó en Venezuela, e moitos outros casos non tan explícitos) ou derrocar a quen non lle guste, como a Sadam e Gaddafi, e intentalo con Putin ou Jinping.

Igual que no Dictatus, EUA esixe plena subordinación aos países da UE esixíndolles que abandonen o combustíbel ruso e lle merquen o seu carísimo gas de esquisto, ademais de obrigar Europa a unha política de sancións suicida en vez de buscar a paz e mirar polo benestar dos seus cidadáns.

Pero os ditados papais foron abolidos e o Occidente cristián volveuse de novo multipolar (protestantes, católicos...). Antes, os reis víronse na obriga de reaccionar contra o monopolio financeiro-militar do papa expropiando a banca armada papal (o Temple). Iso é o que lle agarda ao imperio transatlántico cando a Guerra do Leste se volva contra os seus promotores e se faga insoportábel para Europa (a medio prazo ou incluso antes) o actual réxime de diktat anglo-norteamericano. Levará algún tempo, pero malo será.

Comentarios