Opinión

Os retos da política forestal galega

Por mandato do parlamento galego, e a instancia de todos os grupos políticos da cámara conformouse o pasado mes de decembro o denominado Grupo de Expertos en Incendios Forestais (GEPIF), do que tiven o honor de formar parte. O seu cometido tiña por obxecto analizar a situación do dispositivo de defensa contra os incendios forestais e achegar as recomendacións que, a xuízo dos poñentes, servisen para mellorar a eficacia do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). Os traballos prolongáronse durante sete meses finalizando coa elaboración de tres documentos, onde se responde ao requirimento do parlamento, presentados na Comisión de Agricultura o pasado 18 deste mes.

O contido xeral dos documentos inciden sobre diversos aspectos do SPIF e da política contra incendios, pero destacan as recomendacións orientadas cara a prevención, a predición, o diálogo e a participación social como algúns dos piares básicos desa actuación política. Aínda que a encomenda do parlamento non se refería directamente á política forestal, tratada nunha comisión especial anterior, o GEPIF estendeuse sobre diversos aspectos relacionados co estado do monte galego e, eu mesmo, na miña intervención ante a Comisión de Agricultura deixei constancia de que a solución dos lumes forestais non só eran unha cuestión de mellora e modernización do SPIF, probablemente a menos importante. Para actuar racionalmente contra ese problema había que mirar cara o medio rural no seu conxunto, actuando nos ámbitos do desenvolvemento económico, da ordenación territorial, fronte á desagrarización e o abandono e sobre a estrutura forestal.

O goberno galego debería asumir que hai un grave problema no monte galego, propiciado polo crecemento incontrolado e caótico das masas mono-específicas de eucalipto. Asumir esa realidade con pragmatismo, permitiría negociar de forma construtiva a reforma do Plan Forestal de Galicia

Sinalei, que o goberno galego debería asumir que hai un grave problema no monte galego, propiciado polo crecemento incontrolado e caótico das masas mono-específicas de eucalipto. Asumir esa realidade con pragmatismo, permitiría negociar de forma construtiva a reforma do Plan Forestal de Galicia se non queremos que esa especie acabe cono noso monte e derive finalmente nun produto sen interese económico por mor das pestes sanitarias que o acosan, ademais do proceso dexenerativo que padece producido pola súa expansión incontrolada a causa dos incendios. Daquela sería tarde.

Polo demais, nos informes do GEPIF sinalamos a extrema vulnerabilidade do sur e leste de Galicia por mor do cambio climático e a maior carga incendiaria. De aí a necesidade de promover activamente os bosques en mosaico (combinando especies e fomentando a bio-diversidade), e promovendo as frondosas caducifolias autóctonas e as froiteiras, e outros cultivos, nas faixas de interface urbano-forestal (páxinas 5-7 do Documento de respostas), ademais de promover de forma pro-activa a multifuncionalidade do noso monte.

Sinalamos a necesidade de aumentar a resiliencia do territorio a través da Silvicultura Preventiva, ademais de implicar á veciñanza e ao conxunto das institucións na prevención de forma activa. Estas medidas constitúen outros eixos que desde o GEPIF se propoñen para que o monte galego sexa percibido como algo propio e vital polo conxunto da sociedade galega (páxina 14). O mesmo se pode dicir sobre a coordinación do dispositivo entre os seus distintos elementos e cos servizos de emerxencia, a súa profesionalidade e a selección única de todos os medios do SPIF pola Dirección Xeral de Defensa do Monte, incluídas as brigadas municipais. O GEPIF propón unha modificación profunda no método de selección destes medios municipais equiparándose, en canto a esixencias físicas e técnicas, co resto do servizo e incrementando a seis meses o período de contratación, primando esta tarefa coa dedicación agraria dos brigadistas. Co obxecto de fixar poboación no rural, terían preferencia nas axudas públicas relacionadas coas súas explotacións agrarias. Non obstante, o novo modelo deberá ser testado periodicamente e para iso, o novo dispositivo de brigadas municipais deberá avaliarse anualmente e ser revisado ao cabo de tres anos, introducindo as modificacións e cambios que se precisen, avaliando inclusive a súa continuidade. (páxinas 19-22)

Os documentos do GEPIF constitúen un esforzo por chegar a un consenso técnico nun tema fundamental para Galicia. Decátense que o Grupo está formado por poñentes que posúen diferentes enfoques, formación, experiencia e sensibilidades sobre a problemática forestal. Agora deberá ser a Xunta quen demostre que está disposta a levar á práctica as recomendacións sinaladas, acollidas favorablemente por todos os grupos políticos do parlamento galego. Non hai marxe razoábel para o seu incumprimento, constituiría unha flagrante contradición co manifestado polo grupo popular en sede parlamentaria. Para iso, a sociedade civil, os grupos sociais, os sindicatos e as organizacións políticas galegas deberán coñecer o conxunto dos documentos entregados ao parlamento e, no seu caso, esixir en todos os foros do país a súa posta en práctica; sen dilación e dende o primeiro momento, e na rúa se fose preciso.

Comentarios