Opinión

Reflexionar, recuperar a iniciativa

Relendo algúns diarios dixitais encontrei un artigo do profesor Sánchez-Cuenca sobre as guerras (inter)culturais da esquerda. Nel explica (seguindo a Ronald Inglehart) que os cambios culturais das últimas décadas, transitando dos valores clásicos “materialistas” (salario digno, vivenda, etc.) aos “pos-materialistas” (realización persoal, ecoloxismo, liberdade sexual, etc.), crearon unha división xeracional moi forte, mesmo conceptual. E, segundo observa, a esquerda non tería acertado na integración adecuada desas sensibilidades socio-culturais para facer fronte con éxito ao modelo neoliberal.

Sen dúbida, o cambio cultural é incuestionábel e debería terse moi en conta. Non obstante, o diagnóstico non debería limitarse a constatar a perversa mutación do modelo capitalista nun ente máis sofisticado obviando a dialéctica socio-política. Por tanto, sería preciso recoñecer que a partir do último terzo do século XX a esquerda comezou a perder a iniciativa, conformándose (en xeral) con facer un disimulado seguidismo de determinadas ideas e plans emanados do propio sistema.

É un feito que o “éxito” capitalista de final do século pasado deixou a esquerda  nun estado de forte conmoción. Así, non foi difícil enganchala ás “modas progresistas” que os think tanks do establishment promoveron co obxectivo de neutralizala. Tratábase de fragmentar a sociedade en infinitas capelas e clubs, banalizar a cultura e promover falsos debates. En paralelo, pasaron ao primeiro plano grandes conceptos como “liberdade individual”, “ecoloxismo”, “liberación sexual”, “solidariedade cos migrantes”, “intervención humanitaria”, etc., etc., etc.? Claro que, eses conceptos non teñen o mesmo significado para o capital financeiro que para os demais mortais. Por iso, o verdadeiramente lamentábel é que o enfoque das solucións se fixese dende a óptica do sistema neoliberal e non como un constructo elaborado de forma independente pola esquerda, non só no aspecto metodolóxico, senón tamén no epistemolóxico e estratéxico. É dicir, unha gran parte da esquerda deixou de levar a iniciativa sobre a explicación material dos conflitos sociais e dimitiu da súa responsabilidade histórica de elaborar modelos globais alternativos autenticamente liberadores da sociedade. Non (só) de determinados grupos sociais. Por exemplo, a acción case ausente sobre o insaciábel proceso de acumulación do capital transnacional, a cancelación da débeda, os privilexios da banca ou a eliminación da política financeira da órbita pública (factores causantes da maioría dos graves problemas sociais actuais) é todo un síntoma dese papel subordinado da esquerda: diluíndo a súa identidade,  alimentando a confusión política e arruinando a súa credibilidade.

En definitiva, unha gran parte da esquerda permanece atrapada nese sofisma neoliberal representado pola ideoloxía do “politicamente correcto”. Mentres non se cuestione (con intelixencia) toda a filosofía subministrada polo sistema non se poderá comprender cabalmente o que ocorre e menos aínda cambiar nada. Por iso, o encomiábel empeño cartesiano de Ana Pontón, de reflexionar, sorprende a tanta xente.

Comentarios