Opinión

A rebelión das mulleres

No pasado século aconteceron algunhas das maiores transformacións históricas da Humanidade. A clase obreira organizada en sindicatos logrou avances radicais nos seus dereitos socio-laborais, gran parte das nacións colonizadas conquistaron a súa independencia e as mulleres viron recoñecido o seu dereito ao voto e ao traballo digno. Pero nada é eterno e esas conquistas sofren acotío retrocesos, e en moitos casos os avances son realmente tímidos e incompletos. No caso dos dereitos da muller a situación é aínda máis complicada; aos avatares xerais de explotación e coacción sistémicos hai que engadir a súa invisibilidade nas tarefas domésticas, o atavismo patriarcal, a desigualdade efectiva e a violencia machista, cada vez máis descarnada.

En todas as épocas houbo heroínas valentes dispostas a exercer os seus dereitos en pé de igualdade co home, pero o seu rol histórico-social subordinado resultou un freo de dimensións colosais para lograr a igualdade efectiva. Resulta arrepiante a involución dende os tempos prometeicos da civilización sumeria. Daquela, as mulleres tiñan dereitos equivalentes aos homes e algunhas eran representadas na iconografía mitolóxica como heroínas e deusas da guerra, como Inanna, fronte ao rol beleza-maternidade que predominou nas civilizacións posteriores. Son as relixións do Libro as que definitivamente sacralizaron o rol feminino de nai e esposa encargada das tarefas domésticas e sometida ao seu marido, modelo que se estenderá á maioría das relixións e se perpetuará ata os nosos días baixo o soporte das escrituras bíblicas e as súas secuelas. Un rol beneficioso (por barato) para calquera tipo de estado, pero en contradición coa evolución da historia e o progreso social. Afortunadamente, no albor do s.XXI, as mulleres comezan a seren masivamente conscientes do seu papel subordinado e deciden rachar cun rol que non só as humilla e lles impide ser verdadeiramente libres. Tamén as mata.

Nese proceso feminino de toma de conciencia, que alcanza a madurez na última década, son (algúns) homes os que se colocan fóra de xogo, incapaces de asumir os cambios da nova sociedade que agroma. Covardes e cómodos no seu propio rol non evolucionan de forma parella á liberación das mulleres. Unha maioría considerábel non ten dúbidas sobre a necesidade e xustiza dos cambios pero hai un (reducido) sector masculino que non está disposto a aceptalos. O varón atávico non quere compartir en pé de igualdade a liberdade, o poder e as responsabilidades sociais e afectivas coa muller. E reacciona con violencia asasina na crenza de que debe vingar a súa honra ferida, e cando se decata do inmenso erro vital inmólase nun acto de xustiza poética, tardío e inútil. A violencia de xénero é a demostración (dramática) de que a rebelión das mulleres é imparábel. A sociedade debe acompañar á muller nesa loita, cambiando radicalmente os vellos estereotipos, abandonando as ensinanzas bíblicas de dominio, reeducándose e mudando o sistema de explotación e violencia que impide a emancipación de mulleres e homes.

Comentarios