Opinión

Rebelión e caos na metrópole

O asasinato de George Floyd en Minneapolis por un policía branco desencadeou unha vaga de protestas en Estados Unidos ata o extremo de declararse o toque de queda na maioría das cidades dese país. Non pasaba dende o asasinato de Luther King. A represión racista policial en Estados Unidos é de longa data. Forma parte do ADN do país, onde a explotación extrema das persoas de raza negra perdurou moito máis alá da abolición formal da escravitude en 1865. A discriminación racial, sutil ou violenta, é noticia cada pouco. Incluso, na etapa de Obama, os episodios de brutalidade policial foron bastante frecuentes, igual que as protestas masivas da cidadanía afroamericana. Non obstante, as revoltas actuais teñen algúns elementos específicos a ter en conta. O contexto está determinado pola crise da COVID-19, con millóns de traballadores despedidos e un futuro incerto. Por outro lado, este é un ano electoral e unha gran parte dos medios (vinculados ao Partido Demócrata) están facendo campaña contra Donald Trump. Aínda que as autoridades de Minnesota condenaron o asasinato e procederon á detención do policía homicida —o mesmo Trump se solidarizou coa familia de Floyd e garantiu xustiza—, a indignación popular estalou de forma violenta e estendeuse polo país.

As actuais mobilizacións forman parte da arraigada tradición de loita contra o racismo e o supremacismo branco e polos dereitos civís, pero neste momento non é arriscado supoñer que algúns estean aproveitando a ocasión e creando as condicións para a derrota electoral do errático Trump en novembro. Resulta curioso que a antiga asesora de seguridade nacional de Obama, Susan Rice, manifestase á CNN que Rusia podería estar detrás da protestas, volvendo de novo á teima da alianza Rusia-Trump, desmentida reiteradamente polas investigacións do senado e do FBI. O contrasentido desta nova acusación é evidente. Se a situación empeora —xa van máis de dez mortos durante as xornadas de violencia en distintos estados— e se prolongan no tempo as mobilizacións, o deterioro da administración Trump será imparábel, aínda que a responsabilidade da orde pública sexa dos gobernadores estatais.

Non obstante, hai outros intereses poderosos en liza. O mundo neoliberal está nunha fase de colapso e as elites necesitan con urxencia sangue novo en USA que acuda no seu auxilio coa esperanza de que o estado terminal en que se encontran vire cara a un próximo renacemento. E Trump non vale, necesitan alguén máis previsíbel como Joe Biden. Utilizar as masas de descontentos xerando caos é unha argucia clásica utilizada en Estados Unidos polos distintos bloques das elites en litixio. Fixérono co movemento anti-bélico durante a guerra do Vietnam e saíulles ben e agora intentarano cos indignados pola violencia policial para derrotar a Trump, bastante torpe na súa pose de fundamentalista americana enfrontándose aos gobernadores e ameazando con sacar o exército. A crise subseguinte podería ser maiúscula e imprevisíbel. O problema é que non hai ningunha alternativa política críbel en USA, pero a actual crise pode servir de detonante e comezo de moitas cousas.

Comentarios