Opinión

O realismo indispensábel

O economista Zoltán Pozsar, estratego de investimentos de Credit Suisse en Nova York e antigo experto do Departamento do Tesouro e da Reserva Federal de EUA, constitúe unha rara avis nos círculos de expertos da alta finanza occidental, coa súa particular visión pragmática do panorama económico-financeiro internacional.

Escribe que cando as ameazas á orde mundial son especialmente graves o G7 non debería subestimalas, como ocorre neste momento. Podería resultar comprensíbel que actuase dese xeito durante o período unipolar, cando EUA era o hexemón indiscutíbel, pero iso agora non é posíbel. "Estados Unidos debe enfrontarse, por primeira vez, a un adversario economicamente igual e, en certo modo, superior: a China". Segundo Zoltán, ese país está escribindo un novo tipo de regras, entre tanto crea un novo tipo de globalización con novas institucións, como a Iniciativa da Franxa e a Ruta, os BRICS+ e a Organización de Cooperación de Shanghai. Ao tempo, Rusia e a China expanden o seu control sobre a OPEP+ e incrementan as súas relacións comerciais co resto de Asia, África e América Latina, enormemente ricas en materias primas.

En definitiva, se o mundo vai cara á multipolaridade, coa división do G20 en dúas metades, G7+Australia e BRICS+Non Aliñados, resulta imposíbel que esa escisión non afecte ao sistema monetario internacional e á hexemonía occidental. Coa vantaxe nada desprezábel de que o bloque BRICS+ e os Non Aliñados teñen as maiores reservas de materias primas estratéxicas do planeta, con graves implicacións para EUA e a UE, especialmente para esta última, vítima propiciatoria do efecto búmerang das sancións contra Rusia.

Chegados a este punto, Pozsar fai outra observación chave. Aínda que a UE está en camiño de estar fóra da órbita do gas ruso non pode romper os fortes nexos económicos coa China e outros países dos BRICS+, situación que o leva a recordar a Brzezinski cando afirmaba que "quen controle Eurasia controlará o planeta", ou a Mackinder, sinalando que "quen controla as mercadorías [principalmente as materias primas] e as fábricas goberna a inflación, quen goberna a inflación controla as taxas de xuros e quen controla a taxas de xuros controla o mercado de valores e a riqueza financeira en xeral". E ese control agora está na Eurasia co tándem China-Rusia á cabeza e co petróleo dos países do Golfo fluíndo cara ao leste.

De forma paralela, Jacques Sapir, da École des Hautes Études en Sciences Sociales de París, nun recente artigo en American Affairs, subliña o auto-engano occidental de medir a potencia económica e resiliencia de Rusia e a China cinguíndose exclusivamente ao PIB. Sapir rebate esa falsa (e perigosa) crenza profundando noutros parámetros como a paridade de poder adquisitivo, a importancia do sector produtivo, a innovación ou a exportación de produtos críticos. Aínda sen mencionar o poderío militar, só dende esa óptica de elementos económicos chave, a posición dos países reitores de Eurasia resulta máis poderosa e dinámica que o Occidente combinado. Corolario, a nova orde mundial ou se fai entre todos os países ou non haberá paz nin futuro.

Comentarios