Opinión

Por quen dobran as campás?

Nun artigo meu do pasado mes de marzo acreditaba na esperanza de que Syriza dispoñía dun plan para afrontar a crise que afoga o seu país, congruente co programa político que lle ofertou aos gregos durante a campaña electoral.

Nun artigo meu do pasado mes de marzo acreditaba na esperanza de que Syriza dispoñía dun plan para afrontar a crise que afoga o seu país, congruente co programa político que lle ofertou aos gregos durante a campaña electoral. En liña con esta premisa valorei positivamente que os seus líderes negociaran con firmeza fronte ás demandas dunha Comisión intransixente. O seguinte paso que deron afianzou a miña confianza no seu proxecto cando, ante a inamovible posición da UE, decidiron convocar un referendo que, ao contrario de Papandreu en 2011, foron quen de realizar e demostrarlle ao mundo que a democracia é algo máis que unha palabra. A resposta popular á valentía de Syriza foi esmagadora: máis dun 60% de gregos proclamaron que non querían a política suicida europea outorgándolle un mandato claro a Tsipras. Coido que a clave para entender esta resposta, nun contexto criticamente adverso, de acoso e criminalización do seu país polos dirixentes europeos, non está na lectura superficial de que os gregos querían un acordo mellor dentro de Europa. Esa interpretación só tería sentido se o referendo se realizase nun contexto de normalidade económica e política. Realmente o que manifestaron, alto e claro, é reclamar o dereito a vivir con dignidade esixindo que lle deixasen a Grecia elixir o seu futuro. Calquera que tivese oídos puido escoitalo nas rúas de Atenas e do resto do país heleno. O referendo foi un auténtico exercicio de soberanía, en oposición á política uniforme da Europa neoliberal. Daquela aínda cría que Syriza estaba levando a cabo un proceso pedagóxico para que a cidadanía comprendese a esencia dos problemas aos que se enfrontaba: se Europa non atendía as súas peticións de permitirlles unha saída singular da crise —peticións, por certo, cada vez máis reducidas e afastadas da súa proposta inicial—, significaría que Grecia non tiña o seu destino dentro da eurozona e, incluso, na propia UE.

"A resposta popular á valentía de Syriza foi esmagadora: máis dun 60% de gregos proclamaron que non querían a política suicida europea outorgándolle un mandato claro a Tsipras".

Finalmente, ocorreu algo insólito. Cun apoio popular esmagador Tsipras cede e asina un acordo peor, na maioría dos aspectos, que todos os anteriores propostos pola UE e os acredores internacionais. Así o recoñeceu Jristos Kasimis, asesor do ministro Lafazanis. Como se pode explicar esta decisión? Acaso esteamos aínda no proceso de asimilación pedagóxica. Pero non, finalmente, o Parlamento grego aprobou o paquete de medidas, aínda que con rebelións notables nas filas de Syriza, entre elas Varoufakis, Lafazanis ou o viceministro de Exteriores. A proba da rendición de Syriza é que o seu pésimo acordo coa UE recibiu o apoio clamoroso de todo o bloque de oposición neoliberal. Os mesmos aos que antes toda Syriza acusaba de vende patrias. O propio Tsipras non cre no acordo alcanzado, o que resulta o colmo do absurdo, pero non ve alternativa á permanencia grega na UE. Esta idea de que non hai futuro fóra da eurozona é retratada de maneira moi lúcida pola articulista Diana Jhonstone, da revista norteamericana CounterPunch: “É demasiado fácil esquecer que sen soberanía nacional non pode haber democracia. A medida que o desastre grego obriga a cada pouco aos europeos a ter serias dúbidas acerca da política da UE, o desexo de reafirmar a soberanía nacional enfróntase aos estereotipos de esquerda-dereita. Gran parte da esquerda europea encóntrase cada vez máis atrapada na contradición entre o seu antinacionalista “soño europeo” e a destrución da democracia pola burocracia financeira da UE”. Non o di un nacionalista galego, trátase dunha analista norteamericana de esquerdas, residente en París, que entende mellor que moitos europeos o que está pasando aquí.

"O propio Tsipras non cre no acordo alcanzado, o que resulta o colmo do absurdo, pero non ve alternativa á permanencia grega na UE".

Neste sentido Syriza, e lamento ter que dicir isto, non é moi diferente do bloque neoliberal que controla Europa. Non vale proclamar que as forzas dominantes non queren negociar “outra Europa” e, en consecuencia, resignarse a esperar se veñen tempos mellores que permitan aplicar no futuro o ansiado New Deal grego. A crúa realidade revélanos, unha e outra vez, que non existe máis Europa que a que defende o capital financeiro e a Comisión Europea, entregada esta a unha deriva cada vez máis autoritaria e antidemocrática, situación que fai inviable unha reforma da UE “desde dentro”, polo menos nesta altura. Os interminables sacrificios que se lle esixirán aos gregos con este último rescate, e os que veñan, cun país intervido e sen soberanía financeira, son moito peores —a curto, medio e longo prazo— que o famoso “Grexit”. Coa saída do euro os gregos terían a oportunidade de controlar o seu destino (hai vida fóra da UE), despois dun período lóxico de axuste e sacrificios, e a xente podería soñar coa posibilidade dun punto de inflexión que posibilitase unha Europa dos Pobos. Pero a permanencia grega na eurozona implica a renuncia a ese soño e a calquera alternativa críbel dun futuro distinto do marcado polo capital financeiro internacional.

"A crúa realidade revélanos que non existe máis Europa que a que defende o capital financeiro e a Comisión Europea, entregada esta a unha deriva cada vez máis autoritaria e antidemocrática, situación que fai inviable unha reforma da UE “desde dentro”

Sen embargo, a idea de que todo está resolto en Europa non deixa de ser unha quimera. O proceso de aprendizaxe dos pobos é lento e cheo de fracasos, pero a crise grega está poñendo de manifesto curiosas contradicións, apenas veladas polos media. As tensións norte-sur europeas irán a máis porque as economías desas dúas zonas están separadas por un abismo de contradicións irreconciliables que acabarán volvendo inestable toda a UE. Sábeo ben Schaüble, o dereitista ministro de finanzas alemán, por iso avogaba por un “Grexit” que permitise disciplinar os estados máis reticentes coa política de austeridade alemá. Prescindir, de momento, de Grecia era o prezo para unificar con man de ferro Europa. O proxecto alemán consiste en construír unha Europa corporativa, con centro de gravidade en Berlín, dando lugar a un auténtico IV Reich —non é unha metáfora—, esta vez mediante a guerra económica e a rendición como única alternativa. Pero ocorre que este rexurdimento imperial alemán non concorda plenamente cos intereses da OTAN, ou se se prefire de Estados Unidos, decidido a manter na esfera occidental a Grecia, ante a ameaza de que os ortodoxos gregos escoren cara oriente e debiliten perigosamente ese flanco estratéxico. E s USA tampouco lle agrada unha hexemonía alemá en Europa. Por tanto, o precario equilibrio entre os intereses alemáns e os de América do Norte poderían romperse en calquera momento porque o excesivo número de variables da ecuación xeopolítica supera a capacidade de resolución do problema. Mais se esperamos a que este delicado equilibrio entre en crise o máis que podemos agardar é que o conseguinte terremoto nos leve a todos por diante. Syriza perdeu unha excelente oportunidade para lograr un cambio pacífico apoiado nun movemento de masas que xa non se acordaba en Europa. Por iso fago miña a frase de John Donne.

Xullo de 2015
 

Comentarios