Opinión

Posverdade minguante

Gustoume a ironía empregada polo especialista estadounidense en relacións internacionais Gilbert Doctorow cualificando á presidenta da Comisión Europea como a "Gauleiter" von der Leyen. Así era como se denominaban os xefes do Partido Nazi nas respectivas gobernacións alemás. Sen dúbida, esta muller é a Gauleiter da OTAN na colonia de Europa Occidental. Un símil moi atinado, despois de que Ursula, seguindo as instrucións de Biden, asegurase que non se pagará o gas ruso en rublos, aínda que condene a UE a unha grave depresión económica.

Nisto insistiu o ministro de economía alemán sinalando que o G7 instará ás empresas concesionarias do gas ruso a non aceptar a decisión de Moscova. Pero "instar " non é o mesmo que "obrigar". A propia Comisión Europea acaba de recoñecer que seguirá dependendo dos hidrocarburos rusos ata 2027. Surrealista.

Cando lle preguntaron a Brzezinski se o seu famoso taboleiro de xadrez xeopolítico era para xogar entre dous opoñentes el respondeu: "Non, só hai sitio para un xogador. Fago unha xogada, doulle unha volta de 180º e executo o movemento de resposta". Este paradigma hexemónico responde á tese de Kissinger de que quen controla o diñeiro controla o mundo. Pero ese aforismo ten toda a pinta de estar errado. En realidade, controlar as finanzas non é suficiente se non controlas tamén a enerxía e os alimentos, segundo sinala o ex-diplomático británico Alastair Crooke. Nin Rusia nin China van tolerar que haxa un único xogador (xa o están demostrando), ademais EUA está lonxe de controlar a enerxía e os alimentos, como tampouco a alta tecnoloxía militar e os materiais estratéxicos.

O que revelan os feitos é que a nova configuración xeopolítica iniciada o pasado 25 de febreiro xa deixa a Occidente en minoría, máis alá da propaganda de guerra. Ademais de Hungría e Serbia en Europa, nin un só país do continente africano, nin a inmensa maioría de Asia se sumaron ao boicot contra Rusia. E o mesmo sucede cunha gran parte de América Latina, salvo na condena formal da invasión rusa. Como sinala o analista Evans-Pritchard no Telegraph "a política de sancións occidental é a peor solución... e  existe a sospeita de que a xente non tolerará o seu impacto no custe da vida unha vez que os horrores da guerra de Ucraína desaparezan das pantallas de televisión".

Así é, e o medo xa fai aflorar divisións internas na administración ianqui. Mentres a Secretaría de Estado promove a dilatación da guerra para desgastar a Rusia o Pentágono estima que o exército ruso pode conseguir os seus obxectivos militares (xa destruíu practicamente o potente exército ucraíno e está liquidando as últimas unidades neonazis) e políticos (neutralidade do país e independencia do Donbass) sen necesidade de ocupar Ucraína, colocando a OTAN ante o espello da verdade. Por iso, a Biden úrxelle liderar a nova orde mundial, como talismán ante o tsunami que se acerca. Difícil obxectivo.

Por último, Europa terá que decidir nun futuro próximo se continúa con esta mediocre tropa de Gauleiter ou busca auténticos estadistas que miren máis alá dos seus ollos e saiban negociar un tratado de seguridade con Rusia.

Comentarios