Opinión

Polo cooperativo en acción

A  situación económica complícase en Occidente, na UE en particular, en medio de crecentes discrepancias internas que xa non se poden ocultar. A causa, o erro monumental das sancións a Rusia e o seu impacto demoledor sobre a propia economía europea. A proba máis recente desta traxicomedia foi a lea ocasionada pola reparación das turbinas do gasoduto Nord Stream 1 a cargo de Siemens. No canto de resolver o problema sen dilación, tal como correspondería aos intereses europeos, optouse pola obediencia cega a Washington propiciando a drástica redución do gas a Europa ao incumprir Alemaña o contrato de mantemento. Unha das turbinas fora enviada pola rusa Gazprom en decembro de 2021 a Canadá para a súa revisión, pero no regreso ás instalacións rusas de bombeo as autoridades do Reino Unido (e as alemás) bloquearon o envío impedindo a súa recepción en tempo e forma.

Estas demoras son a causa real da redución do fluxo do gas ruso a Europa a un 20% da súa capacidade. Este xogo estúpido e suicida de Occidente fixo subir aínda máis os prezos do gas, pasando duns súper-económicos 20 euros por megavatio hora no mercado TTF en 2021 aos 205 euros (con picos aínda maiores) na última semana de xullo —un descomunal incremento de máis dez veces nun ano— e todo indica que os dirixentes da UE seguen sen entender nada.

Así, mentres unha Europa en estado zombi observa como se desangra a súa economía, consecuencia de decisións irracionais subordinadas ao ditado anglo-norteamericano, un polo económico mundial está tomando forma con base nun novo paradigma de cooperación internacional entre países con modelos político-económicos diferentes. O mundo é moito máis grande que Occidente e os máis dos dous terzos restantes están facendo as súas contas e decatándose de que hai outras alternativas para organizar a súa economía e relacionarse de forma mutuamente vantaxosa entre os distintos países do planeta.

No recente consello da Organización de Cooperación de Shanghai (OCS) celebrado en Tashkent tivo lugar unha xuntanza preparatoria do cumio de Samarcanda (que se vai celebrar no próximo setembro) avanzando unha serie de importantes medidas de integración euroasiática: creación de redes de transporte eficientes, interconectividade e unha folla de ruta para o aumento da participación de distintas moedas nacionais nos intercambios comerciais. Iso significa a eliminación do dólar e do euro como divisas de reserva asestando outro golpe á economía imperial que segue na súa aloucada carreira cara ao abismo.

Segundo os dirixentes da OCS e dos BRICS no novo modelo internacional "non hai líderes nin seguidores, non hai situacións como na OTAN onde os EUA e os seus aliados próximos impoñen unha liña aos demais membros da alianza... violando os seus intereses nacionais". Os países interesados no novo modelo abarcan unha grande parte de Eurasia, África e América latina. Por iso, a Guerra do Leste, as provocacións de EUA a Serbia en Kosovo e á China, coa arribada ilegal de Pelosi en Taiwán. Están desesperados, non é o futuro soñado polos neoliberais, pero canto máis tempo tarden en admitilo máis doloroso será para todos.

Comentarios