Opinión

Política alimentaria para o 1%

Ningunha persoa minimamente intelixente debería discutir a necesidade de ter unha produción alimentaria racional e sustentábel que proporcione alimentos de boa calidade nutricional de acordo cos estándares nacionais de cada país. Tampouco se debería cuestionar a necesidade dun sector agrario que permita garantir o subministro nacional sen depender de forma crítica de produtos cultivados e manufacturados a miles de quilómetros do seu destino. Por último, ninguén debería estar de acordo en que se tomen decisións lexislativas que afecten ao sector agro-alimentario sen antes dispoñer de alternativas viábeis, cientificamente contrastadas, e aceptadas democraticamente pola maioría da xente.

Non obstante, estes presupostos básicos estanse incumprindo dunha maneira significativa na Unión Europea grazas ás disposicións e regulamentos que favorecen ás corporacións transnacionais no seu obxectivo de facerse coas terras e o control sobre o subministro mundial de alimentos. Na Galiza padecemos graves problemas no noso sector agrario dende a (deficiente) entrada na UE, contra os que nos manifestamos en múltiples ocasións polos agravios comparativos cos países do centro e norte de Europa. Por iso, sorprende que labregos dunha economía avanzada, como os Países Baixos, estean agora na vangarda de loita contra as novas regulacións comunitarias.

Protestan contra o goberno holandés e "os comités de expertos europeos que forman parte dos directorios de organismos privados enfocados a apoderarse de todo, coa suposta fin de salvar o planeta". Así o denuncian dende Forza de Defensa dos Agricultores (FDF) que encheu de protestas o país o verán pasado.

A situación holandesa debería servir de reflexión para o sector agrario galego. Coa xustificación de baixar as emisións de nitróxeno para combater o cambio climático, a nova lexislación contempla a eliminación de 300.000 hectáreas de terras agrícolas ata 2040 poñendo en perigo a continuidade do sector. Para indignación dos agricultores, as antigas terras agrícolas son transformadas en "zonas naturais protexidas" onde, de forma contraditoria, permiten a construción de vivendas de alto nivel. Dende FDF denuncian que a loita pola adopción destas agresivas medidas ambientalistas está liderada por forzas aparentemente progresistas estrañamente vinculadas ao Foro de Davos, o principal patrocinador das políticas contra o cambio climático que favorecen o 1% da poboación. Por iso, non sorprende que o ataque á agricultura non vaia acompañado de medidas legais de igual similitude contra outros sectores altamente contaminantes, como a construción corporativa, os sectores do luxo ou a aviación, onde as clases altas gozan de taxas de contaminación extremadamente agresivas no balance global.

Detrás de todas esas medidas pseudo-ambientais está o plan das transnacionais de facerse coas explotacións familiares a prezos de saldo cargándose o medio rural como fonte de emprego e alimentación natural. Por iso, resultan indignantes as campañas de promoción da comida de insectos do FEM, como a protagonizada por Nicole Kidman. Hai que manipular á xente con "arte". Terríbel.

Comentarios