Opinión

Piratas a babor

A pesar do acordo de última hora sobre o Fondo de Reconstrución (FR), con gran satisfacción de Sánchez e Casado, a crise da Covid-19 puxo en evidencia a abismal diferenza de intereses (e de poder) entre os Estados do norte e os do sur. Algúns queren esquecer aqueles primeiros momentos da pandemia, de tribulación e do "sálvese quen poida", nos que na civilizada Europa uns países dedicábanse a roubarlle as mercadorías sanitarias aos seus veciños coma viles corsarios do s. XVIII. Pasados eses primeiros momentos de aberta piratería algúns decatáronse de que a galiña dos ovos de ouro da UE podía estar en grave perigo se non volvían ao "politicamente correcto". Non era para menos, algúns países teñen un ritmo de crecemento e unhas economías moi dinámicas grazas, en parte, a que a evasión fiscal de miles de millóns de euros de Estados coma España flúe con facilidade cara a paraísos fiscais coma Holanda ou Luxemburgo, segundo datos do FMI, por non falar da capacidade de consumo do sur, indispensábel para países coma Alemaña.

Finalmente, os resultados do cumio europeo van significar unha rebaixa significativa de 110.000 millóns sobre os 500.000 millóns de axudas directas previstas inicialmente (consideradas xa daquela por moitos analistas como insuficientes) cos que Merkel intenta lavar a cara insolidaria da UE. No plan inicial representaban os dous terzos do total do FR; agora esa partida fica case equiparada coa que se vai financiar a través da banca privada. Non hai dúbida de que o que lle interesa ao establishment dos países ricos do norte (donos de fondos de investimento, fondos de pensións etc.) é o negocio bancario e sacar tallada da pandemia. De forma cínica, mentres piden austeridade aos do sur esixen (e conseguiron) aumentar ata máis de sete mil millóns os importes dos seus cheques compensatorios (bonificacións especiais) seguindo o camiño marcado polos británicos. Por outra parte, as axudas directas que corresponden ao Estado español representan menos do 50% dos danos causados á súa economía pola pandemia. Ao resto do paquete só se poderá acceder mediante créditos bancarios, que implicarán máis débeda no futuro e, por tanto, maiores problemas para unha economía que xa ten un déficit elevado e un endebedamento insostíbel.

Por último, apenas se fala de que a creación do FR faise grazas ao drástico recorte doutras partidas orzamentarias comunitarias, como as de transición ecolóxica, investigación, investimentos e medio rural. No caso español, uns dos recortes que terá máis impacto será o do Fondo de Desenvolvemento Rural e a PAC, esta cun impacto negativo de case 600 millóns de euros anuais, medida que de aprobarse terá graves consecuencias para o medio rural galego. A todo este conxunto de malas noticias hai que engadir que o diñeiro recibido vai estar sometido a condicións que aínda non están nada claras e que en xeral, ata agora, só serviron para dificultar as axudas e conseguir máis diverxencia entre países ricos e pobres. Esta situación pon de manifesto a verdadeira faciana da UE e o pouco peso dos países do sur, a pesar de ser un momento idóneo para a negociación.

Comentarios