Opinión

Pasar á ofensiva

Feijóo convocou as eleccións á súa comenencia, de igual xeito que suspendelas en abril veulle moi ben. A xente aínda está mergullada no shock da pandemia, intentando asimilar o ocorrido e sen tempo nin ganas de enfrontarse a outra cousa que non sexa reactivar a súa vida e facer balance de danos. Por iso resulta inmoral esta convocatoria electoral, unha medida, que pola súa innegábel transcendencia e a situación extraordinaria que padece o país, debería ser negociada entre todas as forzas políticas do Parlamento Galego. Pero esta xa é unha realidade factual (que diría Cayetana) e queixarse non resolve o problema.

Por outra parte, amosar algún sentido democrático e respecto polos cidadáns non entra no catecismo da dereita, igual que sucede coas empresas transnacionais, exclusivamente preocupadas polos seus intereses particulares. É o caso de Alcoa, a multinacional do aluminio, beneficiaria de millonarias axudas públicas ligadas ao mantemento dos postos de traballo, que aproveita a COVID-19 para anunciar —sen inmutarse— o despido unilateral de máis de 500 traballadores da factoría de San Cibrao. Unha medida executada con aleivosía, no medio das turbulencias da pandemia, valéndose da desmobilización xeral da sociedade. En definitiva, estamos asistindo a unha contraofensiva do capital transnacional e da súa escuadra política aproveitando a ocasión para facer caixa e asegurar unha nova lexislatura, ao tempo que intentan escorrer o vulto derivando responsabilidades cara a terceiros. Unha estratexia perigosa para Galiza se chega materializarse.

Por iso, a oposición debe reaccionar con urxencia e non caer na trampa de poñerse á defensiva. Sería inútil, ademais dun suicidio político. Cómpre unha mobilización nacional e permanente dos traballadores afectados, sindicatos e forzas políticas, denunciando este espolio e esixindo a nacionalización de Alcoa (como piden os traballadores e sinala o profesor Carlos Aymerich), ademais da devolución das subvencións e a intervención das eléctricas, en última instancia as culpábeis dos altos custos enerxéticos que soporta o tecido industrial e o conxunto do país. Hai que pasar á ofensiva e denunciar a irracionalidade do sistema económico vixente, ademais de sinalar os responsábeis políticos que o defenden, enfrontándoos ás alternativas de nacionalización e intervención. Sen mobilización (sindical, social, cultural…) estas eleccións non se poden gañar, están deseñadas para neutralizar e paralizar a oposición.

Hai que aproveitar a profundidade da crise e as graves consecuencias sobre o conxunto da sociedade. A oposición debe atacar tamén polo flanco sanitario, deixando en evidencia os efectos criminais da privatización, o negocio da sanidade privada e das residencias sanitarias. As forzas políticas deben activar as súas bases, redes e organizacións sociais e culturais para enfrontar con éxito o ataque da dereita. Non se pode dar por feito que a batalla está gañada polos da Xunta, porque as batallas só se gañan ou se perden despois de dalas, non antes. A resposta é a mobilización xeral da sociedade galega, con tapa-bocas, pero sen calar a boca.

Comentarios