venres 18/06/21

Que está pasando en Estados Unidos de América?

EUA é unha federación de estados onde a maioría dos seus habitantes foron educados na cultura calvinista de exaltación do individuo, como axente do progreso e da riqueza do país. O éxito e a riqueza eran (e son) considerados mérito exclusivo do individuo que se fai a si mesmo (o modelo Hollywood) e non do Estado federal: canto menos estado máis liberdade individual para lograr o soño americano. Un conto marabilloso, pero que funciona incribelmente ben no imaxinario social da maioría dos americanos (brancos). É o mesmo mecanismo que orixina a súa mentalidade racista, anti-socialista e anti-progresista. Ese é o eficaz modelo impulsado polo establishment norteamericano para controlar a creación de riqueza e manter domesticada a súa parroquia.

Pero ocorre que ese modelo de éxito, de máis dous séculos de vida, está totalmente en crise (xa leva algunhas décadas en crise). O sistema xa non é quen de garantir que os proxectos vitais de moitos millóns de norteamericanos poidan verificarse. O que observa a antiga e outrora mansa parroquia calvinista é que o 1% dos seus compatriotas acumulan a maioría da riqueza que produce o país e que unha parte considerábel dos cidadáns non pode alcanzar os seus soños. Máis de 60 millóns de persoas (case o 20% da poboación) carecen de toda esperanza, abocados á vida marxinal, moitos deles na pobreza extrema, segundo a ONU. Esta situación crítica producida polas elites que representan o Partido Republicano, e especialmente o Demócrata, foi a que fixo posíbel a vitoria en 2016 de Trump. Un rico, si; de dereitas, tamén, pero alleo ao establishment que gobernou EUA ata agora. Trump, polas razóns que acabo de explicar, era o único con posibilidades de alcanzar a presidencia e poñer contra as cordas o Sistema Americano, pero sen derrubalo, e iso foi o que fixo en representación propia e do sector non neoliberal do capitalismo ianqui que o promoveu. Aí comezou o seu via crucis, e entre uns e outros fóronlle preparando a súa tumba. De todas as maneiras, aínda é cedo para certificar a súa defunción política.

Indo ao grao, hai dúas maneiras de avaliar o que está pasando nos EUA: facer a análise superficial de condenar a Trump coma un perturbado (sen dúbida un narcisista) e cualificar os incidentes actuais do Capitolio coma un asalto de turbas fanáticas de extrema dereita e outros descoñecidos (tamén) ou mirar máis alá do obvio.

Porque o primeiro, con moi poucas excepcións, é o que está facendo a maioría dos media sen decatarse (ou esquecendo cinicamente) que algo moito máis grave foi o que ocorreu con Guaidó en Venezuela auto-proclamándose presidente (encargado) sen que ninguén o elixise para tal cargo ou o ocorrido co apoio de EUA ao golpe de estado en Bolivia en 2019; ou co golpe de Ucraína cando grupos neonazis ocuparon a xefatura do país e masacraron a moitos cidadáns na famosa praza do Maidán. Daquela (en EUA e occidente) loaron os acontecementos coma unha vitoria da democracia. As famosas dúas varas de medir. E quen estaba (está) detrás daqueles e outros golpes á soberanía nacional?: Estados Unidos, cos seus principais partidos Demócrata e Republicano á cabeza, ademais da UE e outros estados vasalos do imperio.

Volvamos a EUA. Quen ganou as eleccións o 3 de novembro? Formalmente, Joe Biden. Pero pode ter credibilidade un sistema electoral como o americano que xa demostrou en momentos críticos, como hai 21 anos, que pode haber unha fraude masiva e quedar impune, como cando Bush lle roubou as eleccións ao demócrata Al Gore a través do sistema de rexistro automático? Curioso, agora Bush apoia a Biden. Podemos confiar agora na pureza electoral cun reconto terceiromundista de varias semanas, con máis dun insólito 60% do electorado votando (máis de 100 millóns sobre 158) de forma anticipada ou por correo? Moito máis do dobre que en 2016. Non hai que esforzarse moito para decatarse de que hai demasiados cabos soltos para acreditar na clareza do procedemento. En realidade, o proceso electoral presidencial americano non é democrático; trátase máis ben dun sistema de patricios e optimates, parecido ao da Antiga Roma, onde un Colexio Selecto é o que elixe o Presidente. Lembren que Wall Street e a maioría do establishment xa apostara decididamente por Joe Biden, como antes fixeron por Hillary Clinton, a "demócrata" que saltaba de alegría cando lle metían os mercenarios pagados pola OTAN a baioneta polo ano a Gadafi. Sen dúbida, Trump e o Partido Republicano non son a alternativa, pero o establishment que goberna o Partido Demócrata, e que a "esquerda americana" (e moita da europea) cre que vai axudar a emancipar a clase traballadora, tampouco. Esquecen que Biden foi o seu vicepresidente e avalou as guerras de rapina neoliberais por medio mundo. Mesmo a súa familia se aproveitou financeiramente do golpe de Ucraína. Non se pode ter tan mala memoria.

Hai que mirar máis alá do obvio. O ocorrido o 7 de xaneiro en Washington non foi un golpe de estado, nin sequera un estúpido intento. Todo pareceu formar parte dunha montaxe coidadosamente preparada aproveitando a presenza dos manifestantes. Ou eses centos de persoas con bandeiras e smartfhones eran realmente un perigo real, no sentido de cambiar o poder? Ademais, como é posíbel que nunha manifestación anunciada con días ou semanas de antelación non houbese un dispositivo policial adecuado coma noutras ocasións? As forzas da orde do Capitolio dependen exclusivamente do Congreso cuxa presidenta é Nancy Pelosi, (do Partido Demócrata) e non de Trump. Algunhas publicacións norteamericanas identificaron a algúns dos manifestantes vistosamente disfrazados como coñecidos activistas de organizacións ultras de signo contraposto, gravados polas cámaras do Capitolio e das televisións de medio mundo. Estraño golpe de estado. Pero este é o tipo de xogo que axuda a que o Partido Demócrata apareza coma o salvador “progresista” de EUA e.. do mundo.

Porén, o altercado foi notorio, con cinco mortos, un policía e catro manifestantes, cun gran alcance nacional e internacional, onde a imaxe de Trump saíu claramente comprometida e moi tocada. Sen dúbida algunha, esa exigua cantidade de manifestantes puido ser interceptada sen disparar un tiro se os responsábeis da seguridade do Congreso quixesen facelo, como fixeron noutras ocasións.

En consecuencia, é Trump un suicida estúpido? Non o creo, só un rico narcisista reconvertido en Robin Hood, que xa cumpriu o seu papel e agora hai que desfacerse del. Os que antes o apoiaron, porque entraron en pánico ao non poder controlar os comicios e perder o poder, e os seus inimigos por razóns obvias. O obxectivo cumpriuse: o ex-presidente xa logrou desprestixiar de forma irreversíbel o Sistema Americano marcando o inicio doutra época. Trump e o coronavirus foron (e son) o prólogo dos cambios que se aveciñan, e non a favor da xente, pero van ser realizados en nome do falso "progresismo" do PD. Un "progresismo" que consiste en crear un novo estado inquisitorial onde o exercicio da censura estará nas mans dos amos dos grandes medios e das redes sociais (a alta finanza en suma) dándolle un novo impulso ao negocio corporativo transnacional co apoio entusiasta dos seus cándidos súbditos, ocupados e divididos oportunamente nas súas mil capelas e confesións.

A esquerda americana precisa aprender a diferenciar o po da palla para avanzar na dirección correcta sen agardar a seguir modelos manipulados polas finanzas internacionais. Ou as cousas seguirán así per saécula saeculorum. Amén.

comentarios