Opinión

O Papa bendice os mercados

Hai un par de semanas deuse a coñecer en Nova York a creación dunha organización internacional denominada “Council for Inclusive Capitalism (with The Vatican)”. Lendo o titular da noticia pensei nunha nova organización católica para unha mellor distribución da riqueza, pero a sorpresa foi maiúscula ao mirar a letra pequena e coñecer os integrantes de tan “altruísta” movemento. Nin máis nin menos que a flor e nata dos líderes executivos do capitalismo transnacional (Rothschild, BP, Johnson&Johnson, Mastercard, Allianz, VISA, Merck, Ford, Rockefeller, ata un total de 234 compromisarios e 33 organizacións), e avalados nada menos que polo Papa Francisco. Un potente lobby, cun poder financeiro (declarado) que supera os 12 billóns de dólares (dez veces o PIB español).

Entre os selectos membros do Council, denominados Gardiáns (na miña novela Arcadia eu xa os denominaba “os gardiáns do segredo”), figuran Lynn Forester de Rothschild, a súa promotora principal, e o ex gobernador do Banco de Inglaterra Mark Carney, actualmente enviado especial na ONU do premier británico para “Acción e Finanzas Climáticas”. Carney, ex Goldman Sachs, é un personaxe clave na economía verde mundial, estreitamente vinculado ás finanzas internacionais. 

O concepto de “capitalismo inclusivo” ten a súa orixe nunhas publicacións do think tank World Resources Institute (vinculado ao establihsment de Washington) de principios do s. XXI (Allen Hammond, 2001; Hammond et Prahalad 2004) nas que se proclamaba que o desenvolvemento socioeconómico debe estar baseado na privatización dos servizos públicos e dirixido dende as empresas privadas, sinalando tamén a posibilidade de colaboración de gobernos (que intervencionistas!) e ONG como panacea para mitigar a pobreza. Como era de esperar, os precursores deste contraditorio concepto separan o poder político do desenvolvemento económico, e nin se lles ocorre que a vía máis efectiva para erradicar a miseria sería a toma de conciencia e o empoderamento político dos desfavorecidos e non a caridade interesada dos súper ricos.

Con este historial previo non debe estrañar que nun momento de máxima desigualdade social e económica, causada polo capitalismo e agravada pola pandemia, o círculo supremo das finanzas internacionais se decida a impulsar un movemento “solidario” para tapar as súas graves responsabilidades e continuar dirixindo a festa. O sorprendente deste evento é que o Papa Francisco, hai anos moi belixerante co capitalismo de rapina e que chegou a alcumar os mercados como “o esterco do demo” preste o logotipo do Vaticano e se asocie directamente co mesmo “Satán” nunha operación altamente tóxica e arriscada para a institución que preside. En definitiva, Igrexa e neoliberais unidos na inauguración da época do “capitalismo inclusivo”. Que ironía!

Pensar que a solución dos problemas que ten a humanidade vai vir da man dos culpábeis da actual situación de crise económica, social, sanitaria e climática é unha aberración conceptual de proporcións bíblicas, pero (aos neoliberais) pode resultarlles moi efectiva esta estratexia gatopardista se os afectados non reaccionan. 

Comentarios