Opinión

Pandemia, saúde e economía

Levamos meses co coronavirus nas nosas vidas e as dúbidas sobre a orixe desa enfermidade aínda non foron esclarecidas, máis alá dalgunhas hipóteses, máis co obxecto de tranquilizar á opinión pública que outra cousa. Pero a pandemia segue e as medidas aplicadas non resultan moi efectivas para o seu control nin para a economía. A ver a vacina.

Antes de estenderse o contaxio a occidente moitos criticaban a evolución da epidemia na China, cunha sanidade “deficiente”, que non podía resistir ningunha comparanza coa europea. Tamén prognosticaban que en caso de que o virus chegase a occidente sería rapidamente controlado. Non obstante, a once meses vista, o número de contaxiados en China é de sesenta e seis persoas e unha letalidade de tres vítimas por cen mil habitantes. Datos que, en proporción, contrastan cos 33.377 contaxiados e 752 falecidos de EUA, superados incluso por Bélxica, España e Reino Unido entre outros. Onde está a excelencia de occidente?

Que fallou? Na miña opinión, o primeiro factor dese fracaso é o modelo económico neoliberal hiper-consumista, baseado no máximo beneficio das oligarquías (coas graves consecuencias socio-económicas da dislocación da produción e distribución) e non na garantía do benestar económico e sanitario da sociedade. En segundo lugar, e conectado co anterior, sobrancea o factor cultural imperial: a prepotencia occidental, cunha sociedade hedonista e individualista, pouco proclive á autocrítica e á responsabilidade persoal e colectiva. O terceiro factor da desfeita é a privatización da sanidade pública e do sistema de dependencia. Deteriorouse gravemente a atención primaria e recortáronse os medios na hospitalaria, ademais de deshumanizar e abandonar a asistencia residencial da terceira idade.

En cuarto lugar, (en España e na Galiza) houbo unha ausencia de estratexia e de planificación eficaz e verificábel. Dende o principio, e persístese no erro, perdeuse o tempo en disquisicións subalternas mentres se propagaba o virus. A receita non pode ser, só e en exclusiva, confinamento, tapa bocas e medidas de hixiene e distanciamento social, opoñendo economía e saúde. Ao contrario, a estratexia debería ser defender a saúde e o benestar co mínimo custo socio-económico posíbel. Iso significa ter un plan eficaz de atención aos máis vulnerábeis e un sistema de localización masiva de positivos. Pero esixe un incremento notábel de persoal e medios materiais en todo o sistema sanitario. En concreto, fan falta moitos máis rastrexadores (é evidente que nesta crise non chega 1 por cada 4.000 habitantes) e plans de cribado masivo, ademais de implantar os códigos de seguimento QR para unha rápida localización dos contactos e adoptar as medidas de corentena selectiva en tempo real. Niso consiste o eficaz modelo chinés anti-Covid e houbo tempo para aprender del e sacar conclusións.

Necesítase un maior investimento? Sen dúbida, pero cun custo enormemente menor que o peche de centos de empresas, coa ruína e desemprego de moitos milleiros de persoas e un país co futuro hipotecado. Pero, tranquilos, estamos no mellor dos mundos posíbeis, e China está en Asia.

Comentarios